Día do libro para esquecer: a chegada do PP ao Goberno supuxo un retroceso aínda difícil de avaliar

Día do libro para esquecer: a chegada do PP ao Goberno supuxo un retroceso aínda difícil de avaliar

A Coruña, 22 de abril de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que mañá, 23 de abril, será un Día do Libro “para esquecer”, dado que a chegada do PP ao Goberno municipal “supuxo un retroceso aínda difícil de avaliar”: 1 biblioteca pechada, supresión do Achegarte, diminución de xeito continuado das partidas destinadas ás actividades culturais nas bibliotecas e para a compra de libros, diminución da achega á Agrupación de Libreiros para a organización da festa do libro (pasando de 10.300 euros a 9.000 euros), presumir de que se organiza a Festa do Libro e deixar soa a agrupación á hora de realizar actividades, eliminación da feira da poesía, dos cafés literarios ou das exposicións, que eran a mellor aproximación á literatura galega (A Coruña na creación do libro Galego; O Desembarco dos 80, sobre A Naval; sobre Carballo Calero; sobre Curros Enriquez, “E até aquí podo ler” de Marcapáxinas en colaboración coa AGPI….).

Denuncia tamén a edila nacionalista a falta de apoio que teñen as asociacións culturais. Alude, por exemplo, á retirada da subvención a entidades como a Fundación Manuel María ou a AC Alexandre Bóveda, ou o feito de darlles escasa cobertura ás actividades realizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Lembra Bravo que o BNG xa denunciou no seu momento a rebaixa nas partidas que desde as bibliotecas se xestionan, de cara a seguir sendo o recurso principal da cidadanía para conseguir niveis igualitarios no acceso á cultura. Así, pon de manifesto que diminuíron as partidas destinadas a mercar prensa, revistas, libros e outras publicacións, pasando de 134.256 euros no 2011 a 100.000 no 2013, as partidas destinadas ás actividades culturais das bibliotecas ou unha partida que pasou de ter 92.687 nos orzamentos de 2011 a ter 80.885 no 2012 e 68.841 nestes orzamentos para 2013.

“E mentres isto sucede, mañá, 23 de abril, o alcalde vai facer un acto solemne co motivo de que amañaron unha estatua que se rompera (unha obra de Manuel Buciños que foi retirada o 20 de setembro del 2011; é dicir, hai case 20 meses)”, sinala Bravo, quen lembra que até convoca roldas de prensa para plantar unha árbore e organiza actos solemnes, mesmo con convite, para repoñer unha estatua que rompeu. Non é para rir que o conto é triste”, ironiza Bravo.

A concelleira nacionalista sinala que cando no anterior Goberno a área de Cultura foi responsabilidade do BNG traballouse a 3 niveis: coas bibliotecas, coas librarías e coas editoriais, a través dunha política de investimento que fomentou a lectura e a difusión do libro. Ademais de ampliar o mapa de bibliotecas, de traballar coas editoras e coas libreiras, buscou compromisos dos medios de comunicación, como foi o caso da campaña “A Coruña, a cidade que le”.

 

Podes descargar aquí a escasa programación da Festa do Libro 2013

Podes descargar aquí a programación da Festa do Libro 2011 (cando o BNG era responsábel da Concellaría de Cultura)

Día do libro para esquecer: a chegada do PP ao Goberno supuxo un retroceso aínda difícil de avaliar