O BNG alega contra un PEPRI que reordena viarios e aparcadoiros en beneficio das concesionarias
A Coruña, 22 de abril de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, presentou esta mañá en rolda de prensa as alegacións ao Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) da Cidade Vella, agrupadas en oito grandes apartados. Elaboráronse, expuxo, tendo en conta tres ideas claves, que o PEPRI ten como finalidade a reordenación de viarios e de aparcadoiros en beneficio só das concesionarias privadas (o que se evidencia na indefinición da peonalización da Cidade Vella, na pavimentación do espazo público en prexuízo de zonas verdes e mais na insufiencia dotacional e falta de concreción neste sentido), na regulación imprecisa e confusa do fóra de ordenación e na falta de xustificación de recursos económicos.
Reordenación de viarios e de aparcadoiros en beneficio só das concesionarias privadas
Sobre a indefinición da peonalización da Cidade Vella, Carril puxo de manifesto que "a pesar de recoñecerse que un dos problemas e a ocupación masiva de espazo público polo vehículo privado, a alternativa que propón o PEPRI son os aparcadoiros privados de pago e isto preténdese materializar a través da circulación viaria, aproveitando os famosos túneles do Parrote e da Mariña". Ao mesmo tempo, apuntou, o PEPRI fai unha nova distribución dos aparcadoiros na rede viaria coa eliminación de prazas en superficie e coa ampliación da zona ORA á Cidade Vella, derivando así, as persoas aos aparcadoiros privados, sinaladamente aos soterrados de nova creación, como o do Parrote. Explicou Carril que do total de 448 prazas en superficie previstas para a Cidade Vella, só haberá 150 prazas para residentes e 247 para a ORA, alén das prazas para persoas con discapacidade, só 2, e 49 prazas de usos temporais e outros. "Deste xeito, córrese o risco de que a peonalización sexa utilizada de xeito mercantilista para incrementar o negocio dos aparcadoiros privados e non para garantir a calidade de vida dos e das veciñas", afirmou.
No que respecta á pavimentación do espazo público en prexuízo das zonas verdes, o portavoz nacionalista sinalou que o PEPRI contempla botar cemento en detrimento das zonas verdes. Puxo como exemplo os xardíns da Mariña ou da dársena, que deixa de ser zona verde para pasar pavimentarse, sen explicacións que xustifiquen esta decisión. Carril, tal e como recollen as alegacións do BNG, propuxo seguir mantendo a zona verde e eliminar esa pavimentación.
En canto á insufiencia dotacional, Carril expuxo que "en materia de equipamentos e espazos públicos, a maior parte das actuacións reurbanizadoras van dirixidas ao sistema viario e son mínimas as actuacións en materia de equipamentos e espazos libres públicos". Aludiu, de novo, neste punto á Cidade Vella, xa que no documento de revisión recoñécese que faltan dotacións sociais cando se afirma que "en canto ás dotacións a nivel local, o ámbito está altamente dotado no aspecto cultural deste tipo de dotacións (museos, salas de exposicións, teatros...) pero non tanto no aspecto social". O portavoz do BNG dixo que "malia este recoñecemento expreso, o documento nin sequera cita en ningunha parte do seu contido a dotación para a Cidade Vella dun centro cívico, que é unha necesidade imperiosa da veciñanza do barrioo e que vén demandando desde hai moitos anos a Asociación de Veciños e Veciñas da Cidade Vella María Pita". Carril sinalou que deben contemplarse intervencións concretas sobre elementos que necesariamente deben ser conservados e protexidos, como o empedrado, en materia de conservación e mellora de prazas e zonas axardinadas, en materia de espazos infantís, en materia de iluminación pública ou de canalización de certas infraestruturas que permitan o uso e goce de servizos dos que agora se carece, nos termos que está a pedir a veciñanza da Cidade Vella.
Fóra de ordenación: regulación confusa e imprecisa
Amais da reordenación de viarios e de aparcadoiros en beneficio só das concesionarias privadas, Carril aludiu a un segundo eixo en que se artellan as alegacións do BNG: a regulación confusa e imprecisa do fóra de ordenación, que "figura así de maneira intencionada porque o Goberno municipal quixo agochar desde o principio o papel incendiario que mantivo sobre o fóra de ordenación durante a sua etapa na oposición".
Na normativa, sinalou, non se precisa de cales son as circunstancias determinantes do fóra de ordenación cando debería concretar e especificar cales son as situacións ou circunstancias determinates do fóra de ordenación para acabar coa expresión realmente imprecisa do "por unha ou outra circunstancia", que é o que se limita a indicar o documento. Tamén advertiu imprecisións sobre o fóra de ordenación absoluta e parcial e que mesmo a regulación que figura no PEPRI sobre o fóra de ordenación é ilegal, xa que non se axusta ás determinacións da lexislación.
Falta de xustificación de recursos económicos para a execución das actuacións urbanísticas de reurbanización do espazo público e de rehabilitación privadas
Por último, Carril salientou que "no estudo económico e programa de actuación do PEPRI non se documenta a existencia necesaria e indispensábel suficiencia orzamentaria do Concello da Coruña para a execución da revisión e adaptación do PEPRI a respecto tanto das actuacións públicas de reurbanización do espazo público como das actuacións de rehabilitación privadas". A súa execución, sinalou, ascende a 87.597.411,77 euros, resultado de sumar as actuacións urbanísticas de reurbanización do espazo público coas actuacións privadas.
Trátase dunha contía, afirmou, que non se fai acompañou de ningunha previsión temporal de ingresos e gastos relacionados coa execución por parte do Concello, na medida en que non figura expresamente no documento de revisión e adaptación do PEPRI nada ao respecto deste tema, evidenciando a súa falla de consistencia e sustentabilidade económica.