O BNG súmase á concentración en defensa da asociación contra a violencia de xénero Velaluz
A Coruña, 22 de abril de 2013.- O BNG da comarca da Coruña transmítelle o seu apoio á Asociación Velaluz e a súa presidenta, que terán que presentarse mañá na Audiencia Provincial da Coruña imputadas por un delito de "revelación de segredo" por viren denunciando, desde o ano 2011, os puntos de encontro familiar e as supostas anomalías que foran xa recoñecidas polo Valedor do Pobo e a propia Xunta de Galiza.
A responsábel de Acción de Feminista do BNG, Vitoria Louro, sinala que non podemos consentir que sexan as propias vítimas e as persoas que a diario intentan defender os dereitos das mesmas as desprotexidas. Polo simple feito de facerse eco dun vídeo onde un menor era sometido a unha terapia presuntamenta coactiva, onde supostamente se xustifica o maltrato e onde supostamente se realiza unha "mediación" con indicios de maltrato co, naquel momento, suposto, e hoxe xa penado, maltratador é polo que esta asociación de mulleres vítimas da violencia machista son imputadas, advirte.
Desde o BNG entendemos que o único que se pretende con esta imputación é amedrentar e conquerir o silencio das propias vítimas, salienta. Vitoria Louro expón que seguir denunciando as malas praxes, o incumpremento da normativa, e a coacción, ameaza e intimidación coa que se trata as menores e as mulleres vítimas deste terrorismo machista son os motivos polos que as nacionalistas apoiarán mañá a concentración convocada polas activistas de Velaluz, ás 10h, diante da Audiencia Provincial.