O desleixo do PP co noso idioma roza o delito
O BNG cualifica de moi graves as declaracións do Secretario Xeral de Política Lingüística e lémbralle que ningún concello ten autonomía para incumprir ningunha lei.
O máximo responsábel de política lingüística de Galiza non pode xustificar os incumprimentos do Concello da Coruña en materia de lexislación lingüística en base unha suposta autonomía das Administracións locais para promover máis ou menos a nosa lingua, critica o BNG
O BNG cualifica de moi graves declararacións do secretario xeral de política lingüística, realizadas o día de onte en Radio Coruña-Cadena Ser, e lémbralle que ningún concello ten autonomía para incumprir a lei.
Desde que o Sr. Negreira chegou ao Goberno municipal, o galego sufriu un retroceso moi importante tanto nos seus usos externos -onde é totalmente residual- como nos usos internos -onde retrocedeu case até desaparecer-, cousa que non acontece en ningunha outra das cidades galegas, gobernar quen gobernar. A lexislación lingüística incúmprese de xeito sistemático: ademais de suprimir a Concellaría de Normalización Lingüística, o PP eliminou a partida orzamentaria de fomento para a lingua e mais a formación en galego ás empregadas municipais, reduciu a documentación interna en galego, até chegar a empregar o topónimo ilegal de La Coruña, emulando a época de Paco Vázquez, unha das épocas máis escuras da nosa lingua na cidade, sinalan as nacionalistas, que tamén denuncian que o uso da nosa lingua no Concello fica reducido a cuestións irrelevantes e anecdóticas, con estereotipos e tópicos prexudiciais.
O BNG da Coruña considera que é moi grave que o responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística no noso país se xustifique dicindo que non ten nada que facer porque as administracións locais son autónomas para promover máis ou menos a lingua galega aínda que na Coruña teñamos un alcalde que prefire promover en inglés unha festa con fonda tradición popular e galega, como o San Xoán, antes que na nosa lingua.
É impresentábel que o máximo responsábel de política lingüística en Galiza se amose con tal pasividade diante de incumprimentos manifestos da lexislación en materia de normalización lingüística por parte do Concello da Coruña. Entre as súas funcións non están as de disfrutar de que o galego avance senón as de facer que o galego avance, e iso conséguese entre outras cousas garantindo que se cumpran como mínimo as leis das que nos temos dotado, critican as nacionalistas, que lle pedirán explicacións no Parlamento de Galiza.
O Bloque Nacionalista Galego lembra que estes retrocesos no Concello da Coruña son ilegais e van contra a lexislación lingüística vixente. Así, as nacionalistas lembran que o artigo 7.4 da Lei de normalización lingüística di que A Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei; o artigo 10.1 da mesma lei estabelece que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial; e o seu artigo 25 dispón que o Goberno Galego e as Corporacións Locais fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, deportivas, asociativas e outras. Mais a Lei de Administración Local de Galicia sinala específicamente o labor da Xunta de Galicia sobre as Administracións locais no seu artigo 7.3: A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local.