O colapso do PP na xestión municipal xa o trasladou ao tráfico na cidade
Os atascos que se están a producir na cidade evidencian a planificación trapalleira e a improvisación do goberno local.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala que os atascos que se están a producir na cidade con motivo das obras do Túnel da Mariña evidencian a improvisación e a planificación trapalleira do Goberno Local.
O anuncio de novas medidas, adiantadas o pasado sábado, a implantar por parte do Concello ante os evidentes problemas de tránsito non veñen máis que a corroborar que carecían dunha planificación sólida e alternativa.
E é que malia a presentación do Alcalde e varios dos seus concelleiros, o pasado día 3 de maio, do plano de tráfico polas obras do viario soterrado da Mariña que supostamente garantiría a circulación, o certo, sinalan as nacionalistas, é que os atascos de tráfico para atravesar a cidade son importantes e quilométricos e están a provocar moitas dificultades para saír e para acceder á cidade, propiciando desta maneira atrasos e prexuízos que non só se cinxe á mobilidade, senón tamén aos distintos negocios da cidade que teñen que padecer as enormes molestias medioambientais que os colapsos están a provocar.