As Bibliotecas Municipais quedan sen os cursos de informática
O BNG denuncia que se está a producir unha redución do 80% na oferta de cursos de iniciación á informática nas bibliotecas municipais.
O Grupo Municipal do BNG denuncia que se está a producir unha redución dun 80% na oferta de cursos de iniciación á informática nas Bibliotecas Municipais, cuxo prazo de inscrición comezou o luns 12 de maio.
O BNG sinala que no ano 2013 ofertáronse 58 cursos, mais neste 2014 ofértanse tan so 6 cursos. O Goberno alega que é a primeira convocatoria polo que probabelmente haberá outra para o último cuadrimestre do ano. Pero esta oferta probabelmente será doutros seis, e que sendo así, pasaríamos de ter a oferta de 58 cursos a ter tan só 12, ou sexa, unha redución dun 80%. E o BNG tamén sinala que a Biblioteca Municipal dos Rosales quede fóra da oferta.
A oferta redúcese de 58 a 12 cursos en tan so un ano.
Para o Bloque da Coruña, as bibliotecas, son centros de cultura e formativos; é por iso que estas actividades, unhas de iniciación e outras máis avanzadas, son fundamentais se se pensa en que vivimos nunha sociedade onde a información e o coñecemento requiren novas competencias. Así, as bibliotecas poden e deben xogar un papel fundamental na alfabetización informática para un público heteroxéneo, en idade, formación, intereses e ingresos, para lograr diminuír a fenda dixital.
Tal e como denunciara o BNG, con esta o oferta de cursos o Goberno do Sr. Negreira non só non está a garantir a accesibilidade de toda a cidadanía ás TIC nin a Internet senón que está a retroceder de xeito alarmante mentres se pretende implementar a Administración electrónica ou proxectos como Smart City. Para as nacionalistas, o Goberno local do PP, con estas medidas, só agranda a fenda entre as persoas máis e as menos desfavorecidas.