O Consello Local do BNG apoia as demandas da AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros sobre o faro de Oza
A Coruña, 14 de outubro de 2014- O Consello Local do BNG, encabezado polo seu responsábel, Raúl Fernández, acordou, na súa última reunión ordinaria, expresar publicamente o seu apoio á demanda da Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros para dotar de usos sociais e culturais para a veciñanza o faro de Oza. Deste xeito, o Bloque da Coruña adhírese ás demandas da entidade veciñal nas que se solicita ao Goberno do Sr. Negreira que este patrimonio do barrio sexa posto ao servizo do pobo, e non para usos privados ou particulares, unha vez que entre en vigor, en relación co faro de Oza, o convenio de colaboración con Autoridade Portuaria aprobado recentemente polo Goberno Municipal.
A pasada Xunta de Goberno Local Extraordinaria de 29 de setembro, o Goberno Municipal aprobou o convenio de colaboración con Autoridade Portuaria sobre a xestión de espazos urbanos do porto. En dito convenio ambas partes acordan no caso do Faro de Oza e da contorna no que se asenta, que o Concello da Coruña se fará cargo da xestión da totalidade do espazo adscrito ao faro así como do seu mantemento e conservación.
Precisamente, a instancias do Consello Local do BNG, o Grupo Municipal do BNG presentara nos pleno de setembro de 2013 e de setembro de 2014 unha moción e un rogo a fin de que o faro de Oza fose destinado a usos sociais e culturais para a veciñanza e así apoiar as demandas da Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros e a Cofraría de Pescadores da Coruña que reivindican darlle vida a este ben patrimonial con fins formativos, educativos, culturais e sociais para aproveitamento da veciñanza e pór fin, así, ao deterioramento do faro. Estas iniciativas solicitaban, tamén, que o Concello instase a Autoridade Portuaria a concretar un convenio de uso do faro de Oza coa citada asociación veciñal e coa Confraría de Pescadores para o seu uso social. Tamén pedira o Grupo Municipal do BNG que o Concello acordase en pleno o cambio de uso dos terreos onde se asenta este inmoble construído entre 1911 e 1915, co fin de pasalo de equipamento dotacional sanitario a equipamento dotacional cultural, mantendo a súa titularidade pública.
O Consello Local do BNG demanda que cando entre en vigor o convenio en relación co Faro, o Goberno Local debe pór este patrimonio ao servizo do pobo e non para usos privados ou particulares.