O BNG lamenta que o Sr. Negreira declinara dar explicacións sobre a ría do Burgo en sede plenaria
A Coruña, 15 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que é unha pena que o Sr. Negreira se dedicara a dar declaracións ante os medios de comunicación sobre a ría do Burgo no canto de dar explicacións en sede plenaria, máxime tendo en conta a moción presentada polas nacionalistas no pasado pleno ordinario de outubro. Precisamente, foi o Partido Popular quen impediu o debate da iniciativa presentada polo BNG para a inclusión dunha partida nos orzamentos xerais do Estado para o 2015 para o saneamento, recuperación e rexeneración da ría do Burgo, un sector estratéxico da cidade e da comarca no que cómpre investir para facer del motor de reactivación económica e de creación de emprego.
Dado o rexeitamento do Sr. Negreira á moción das nacionalistas, o Grupo Municipal do BNG anuncia que, a través das deputadas do Bloque en Madrid, Olaia Fernández e Rosana Pérez, presentará unha emenda parcial aos orzamentos xerais co fin de que o Goberno central consigne a partida dos 5 millóns de euros reclamada na pasada sesión plenaria. O Grupo Municipal do BNG salienta a importancia desta emenda ao se tratar dunha medida que podería crear postos de traballo directos e indirectos na cidade e na comarca.
Co fin de que a consignación de 5 millóns non ficase en papel mollado, a moción do BNG propuña acordar un calendario de actuacións, mediante a publicación de prazos reais no BOE e no DOG para o inicio do Plano de rexeneración da ría, así como o seu dragado, tratamento, limpeza de lodos e todas as actuacións para o seu saneamento integral. Ademais, as nacionalistas tamén solicitaban na moción unha actuación conxunta do Goberno galego e dos concellos da comarca da Coruña para lle reclamar ao Goberno central a corrección das deficiencias dos orzamentos xerais para 2015 e para que urxisen a desenvolver todas as actuacións precisas para a rexeneración e recuperación integral da ría do Burgo.