Medio Ambiente anuncia o listado de admitid@s nas hortas pero omite a súa publicación
A Coruña, 15 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a web da Concellaría de Medio Ambiente recolle unha noticia de 9.10.2014 titulada Listado provisional de admitidos, excluídos e prazo de corrección de erros para autorizacións de uso de hortas urbanas na que se dá conta de que unha vez finalizado o trámite previsto na convocatoria publicada no BOP do 1 de agosto do 2014 e esgotada igualmente a prórroga concedida mediante acordo da Xunta de Goberno Local do 29 de setembro do 2014, procédese á publicación da lista provisional de persoas admitidas e excluídas e conceder o prazo de corrección de erros das presentadas até a data. Porén, o Goberno do Sr. Negreira omite na noticia a publicación de tal listaxe, de xeito que non se pode saber o número de persoas admitidas e excluídas nin o número de solicitudes.
A noticia, na que se indica que tendo en conta que existen hortas dispoñibles, non se considera necesario publicar a lista de persoas admitidas, senón tan só a das excluídas e daquelas que deben emendar a solicitude presentada no prazo de 10 días, vén acompañada dun documento para a descarga e dunha ligazón. Con todo ningún destes elementos é a listaxe. Así, o documento que se xunta á noticia (de 115 KB) non é outro que as bases da convocatoria relativa á concesión das autorizacións de uso para as hortas urbanas de Novo Mesoiro e a ligazón reflectida baixo a nova como Actividades relacionadas é outra noticia da mesma web con data de 31 de xullo de 2014 e que alude ao anuncio de publicación no BOP das citadas bases.
O Grupo Municipal do BNG volve salientar que a ocultación das solicitudes para acceder ás hortas urbanas evidencia que o procedemento de inscrición non funcionou de maneira correcta. Neste sentido, as nacionalistas lembran que o Goberno do Sr. Negreira agochou intencionadamente o número de solicitudes recibidas para o acceso ás hortas na documentación aprobada na Xunta de Goberno Local de 29 de setembro de 2013 na que se acordou ampliar o prazo de presentación até esgotar o total de hortas urbanas. E é que, tal e como explica o informe proposta do expediente aprobado en Xunta de Goberno (non ocupa nin sequera unha páxina e media), o número de solicitudes cuxo prazo de presentación concluíu o 10 de setembro- fora inferior ao número total das hortas dispoñíbeis, que suman un total de 89. Foi entón, cando o Grupo Municipal do BNG emprazou o Goberno do Sr. Negreira a facer público o número exacto de solicitudes presentadas até o 10 de setembro.