Confírmase que o Goberno municipal quería facer negocio no encoro de Cecebre coa minicentral
A Coruña, 10 de xullo de 2013.- Que a Xunta de Galiza veña de darlle luz verde empresa que ten a concesión para construír a minicentral en Cecebre evidencia o que BNG denunciou até a saciedade: o convenio impulsado polo Goberno municipal baixo a aprobación do innecesario trasvase entre Cecebre e Meirama tiña como obxectivo a construción dunha minicentral eléctrica. "No existe ni va a existir una minicentral", repetíalles por entón aos medios de comunicación o concelleiro de Urbanismo, que chegou acusar a edila nacionalista Ermitas Valencia de "despistar" e de "confundir" a cidadanía por alertar desta minicentral, que, segundo salientaba, "no fue viable hace 14 años y lo será aún menos a partir de este convenio".
Case un ano despois, a propia Xunta de Galiza vén de desmentir o Goberno municipal ao resolver postivamente, en documento de 27 de maio de 2013, a avaliación ambiental do proxecto para o aproveitamento hidroeléctrico da presa de Cecebre, despois de que a empresa solicitara, en outubro de 2012, instalar as liñas de media tensión que conectarán a minicentral co tendido eléctrico de Fenosa. A resolución, na que a Consellaría de Medio Ambiente lle dá o visto e prace á empresa, sinálase que non é previsíbel que o proxecto "vaia producir impactos adversos significativos", e iso que se trata dunha zona protexida.
O BNG denuncia os intereses da concelleira Ana Fernández na minicentral que se construirá en Cecebre
A pesar das mentiras, agora desenmascaradas, do Partido Popular, o Grupo Municipal do BNG amosouse desde o inicio moi crítico coa construción desta minicentral e denunciou, reiteradamente, os intereses da concelleira de Cultura, Ana Fernández, en relación a este proxecto. De feito, as nacionalistas chegaron a formular no Pleno de setembro de 2012 unha pregunta oral sobre a incompatibilidade en que incorreu a Sra Fernández co amparo do Sr. Negreira. E é que, malia se beneficiar deste convenio, directamente, unha sociedade que pertence a súa familia directa, na sesión da Xunta de Goberno Local do día 28 de agosto de 2012, a concelleira non se abstivo e votou a favor na aprobación do convenio para a xestión e explotación da presa en Cecebre. Lembran as nacionalistas que nesta Xunta de Goberno o PP autorizou de urxencia e sen os informes preceptivos municipais (o do interventor e o da asesoría xurídica) aprobar o convenio de colaboración entre Augas de Galicia, o Concello da Coruña e EMALCSA para a xestión e explotación da presa en Cecebre.
O Grupo Municipal do BNG lembra que o 60% do capital social de Minicentrais Eléctricas de Galicia, S.L., empresa que explotará a minicentral, pertence a Fergo Galicia, empresa matriz do hólding da familia da concelleira. Unha das empresas deste hólding, Minicentrales Bouza Vella, pertence nun 16,6% á concelleira de Cultura. Precisamente, o BNG xa denunciara que Minicentrales Bouza Vella realizara unha Xunta Xeral de socios o pasado 28 de xuño de 2012 e que, por aquel entón, a Sra. Fernández asistiu á xunta como socia e como administradora (achégase acta da reunión). Porén, a edila de Cultura, que conta cunha dedicación exclusiva, nunca chegou a solicitar a compatibilidade co exercicio do cargo de administradora das sociedades, actividade privada que é incompatíbel co desenvolvemento dun cargo de administrador dunha sociedade, como sinala o art. 75.1 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local*, nin tampouco informou de tal cargo na empresa na súa declaración de bens e intereses publicados polo Concello.
Un trasvase innecesario, xa que o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia, o único nivel para o que o Plan da Seca prevé a mobilización de reservas estratéxicas do encoro de Meirama
O Grupo Municipal do BNG segue advertindo, como xa fixo no seu día, de que o proxecto de trasvase desde Meirama a Cecebre é, completamente, innecesario, xa que o encoro de Cecebre nunca chegou ao nivel de emerxencia, o único nivel para o que o Plan da Seca prevé a mobilización de reservas estratéxicas do encoro de Meirama, tal e como revela o Plan Seca Galicia-Costa.
Á vista destes datos, as nacionalistas sinalan que non hai outra xustificación que a de favorecer o negocio relacionado cunha concelleira do PP no proxecto de trasvase desde Meirama a Cecebre que atentará contra a sustentabilidade.