Bravo: "Só @s galeg@s, desde Galiza, poderemos ser quen de darlles solucións aos nosos problemas"
A Coruña, 12 de xullo de 2013.- O parque de Oza acolleu, na tarde de hoxe, un novo acto público do BNG da Coruña enmarcado na campaña do Día da Patria. Centrado no mar, na emigración e nas pensións, no acto desta tarde interviron, ademais da concelleira María Xosé Bravo, o responsábel do grupo de barrio, Luís Sande, o representante do marisqueo, Manuel Baldomir, e mais o emigrante xubilado, Manuel Vázquez.
Na súa intervención, María Xosé Bravo fixo fincapé na necesidade de que Galiza decida por si mesma, só nós, as galegas e galegos, desde Galiza, poderemos buscar as solucións aos nosos problemas de pesca, de desindustrialización da agricultura e do naval. Precisamos da soberanía para acadarmos un verdadeiro poder político que nos permita remontar a crise económica e para iso é necesario rachar co marco político que lastra a posibilidade de levantarmos cabeza, salientou.
Na mesma liña, María Xosé Bravo apelou á soberanía como único instrumento para non emigrar, para ter futuro, postos de traballo dignos na nosa terra porque o noso país é rico en recursos. Puxo como exemplos o sector naval e o agrogandeiro e, nomeadamente na nosa cidade, o sector marítimo-pesqueiro e o pequeno e mediano comercio. Centrouse a nacionalista na necesidade de recuperarmos a ría do Burgo para crear postos de traballo de calidade e na necesidade de impulsarmos sectores estratéxicos como o citado comercio, a hostalaría, a universidade da Coruña e os polígonos industriais. Foi entón cando criticou o desleixo do Goberno municipal malia ver que a industria esmorece a pasos de xigante na nosa comarca.
O Sr. Negreira e o Sr. Feijóo son meros espectadores ante a crise económica e social
Namentres os países máis avanzados como Alemaña e Holanda puxan polos seus sectores produtivos, o Goberno municipal e mais a Xunta de Galiza préganse aos intereses da banca e dos mercados e nada fan por evitar a desertización industrial e o abandono do sector primario, advertiu. Así, falou do balance tráxico da xestión do Sr. Negreira e do Sr. Feijóo tanto en número de persoas no desemprego como de persoas que se ven abocadas á emigración. O alcalde da Coruña e o presidente da Xunta, censurou, continúan como meros espectadores ante a crise económica e social.
Bravo, que tamén fixo alusión a que en Galiza existen os salarios e pensións máis baixas de todo o Estado español, concluíu a intervención insistindo na necesidade de reclamar a soberanía en Galiza para construír un futuro, digno, democrático, xusto e libre para todos e todas nós.