O BNG advirte de que a Autoridade Portuaria fará caixa grazas ao túnel da Mariña
A Coruña, 13 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o Concello se meterá nas obras do túnel da Mariña, cuxo custo ascenderá a 16,5 millóns, só co obxectivo de que a Autoridade Portuaria faga caixa coa venda dos peiraos. E é que unha vez liberada a superficie do viario (que transcorrerá soterrado), poderase perpetrar o desenvolvemento urbanístico dos peiraos, previamente desafectados.
As nacionalistas reproban que o Goberno do Sr. Negreira contemple que sexa o Concello da Coruña quen gaste 14,5 millóns de euros neste túnel e que a Autoridade Portuaria reserve, tan só, 2 millóns, cando a entidade que preside o Sr. Losada vai ser a principal beneficiada ao poder facer caixa coa venda dos peiraos. Lembran tamén que o Sr. Negreira xa beneficiou a Autoridade Portuaria en varias ocasións, ao pagar o Concello as obras do Parrote en terreos que non lle corresponden e ao aforrarlle máis de un millón de euros coa conxelación do Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Ademais, o Grupo municipal do BNG pon de manifesto que non existen razóns de accesibilidade para acometer este túnel de 16,5 millóns. Así o advirte a memoria do PEPRI, que sinala que a accesibilidade desta área está suficientemente garantida nas condicións actuais. Na páxina 31 da memoria, dise expresamente que cómpre garantir que a implantación do novo viario soterrado non se converta nun efecto chamada ao tráfico ... debe entenderse que a implantación do novo viario soterrado non é a resposta para a resolución dun problema de conxestión viaria, inexistente no ámbito...