Concretar as actuacións nos barrios entre as emendas aos orzamentos do BNG
A Coruña, 26 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá as alegacións á aprobación inicial aos orzamentos nas que se recollen as súas principais demandas que xa foron achegadas durante o proceso de negociación na elaboración dos orzamentos.
O BNG volve solicitar nas súas alegacións concreción nas actuacións nos barrios así como recuperar aquelas achegas que foron eliminadas coas emendas e co orzamento inicialmente aprobado no Pleno
Deste xeito, o BNG nas súas alegacións insiste en pedir concreción para as actuacións nos barrios. Presentamos as emendas con propostas para que se concreten actuacións tanto na Área de Vías Públicas, coa descrición do gasto Obras de urbanización vías públicas. Actuacións de modernización de prazas e vías públicas. Proxectos, como para a Área de Sumidoiros, coa descrición de gasto Actuacións para a modernización e a mellora na rede de saneamento. Proxectos, e para as áreas xenéricas nas aplicacións que se corresponderan, e relativas á modernización e dignificación dos barrios sinalan a concelleira nacionalista Avia Veira.
Así, o BNG inclúe nas súas alegacións máis de 90 actuacións concretas nos distintos barrios da cidade, que van desde o acondicionamento de beirarrúas, instalación de iluminación, ou reparación e mantemento de distintas infraestruturas, a actuacións moito máis detalladas como a pavimentación e acondicionamento da Praza (do mercado) de Monte Alto, a execución da segunda fase do corredor entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume no barrio de Novo Mesoiro ou habilitación e mellora da accesibilidade no acceso ao centro de saúde do barrio dos Castros, entre outras.
As nacionalistas presentan as súas alegacións á aprobación inicial aos orzamentos nas que se contemplan actuacións concretas nos barrios, o aumento do Plan de Dinamización Comercial, ao respecto da Creación e desenvolvemento dun Banco de Locais Comerciais, e a recuperar a Bolsa do Programa Descubrir a Participación
Por outra banda, tamén o Grupo Municipal do BNG solicita no seu escrito destinar até 245.100 euros co obxecto de aumentar a aplicación destinada ao Plan de Dinamización Comercial, coa seguinte finalidade específica de Creación e desenvolvemento dun Banco de Locais Comerciais, iniciativa que fundamentan na necesidade de garantir de xeito efectivo nos orzamentos axudas ao pequeno e mediano comercio e ao emprendemento.
Outra das emendas do BNG é a solicitude de recuperación de 20.000 euros para a aplicación denominada Bolsa Programa Descubrir a Participación. No seu momento xa presentaramos un rogo no Pleno no que solicitabamos do Goberno municipal recuperar as axudas económicas para dinamizar e fomentar a participación da mocidade. E cando achegamos as nosas propostas na negociación dos orzamentos esta partida estaba incluída. Mais as emendas e a aprobación inicial do orzamento no Pleno eliminaron a nosa proposta. É por isto que a recollemos na nosas emendas co obxecto de recuperar esta partida e que forme parte do documento final, indica Avia Veira
En último lugar, as nacionalistas chaman a atención sobre que o propio Goberno municipal, e neste caso a través da concelleira Claudia Delso, presenten alegacións para axustar o orzamento cando o Executivo local na súa totalidade votou a favor a aprobación inicial do orzamento e polo tanto foi responsábel de que saíra adiante e prosperara desaxustado e sen os preceptivos informes dos servizos en canto as emendas presentadas o propio día do Pleno.
Lembramos que no Pleno non se tiveron en conta as advertencias que desde o BNG fixemos coa intención, non outra, de aprazar a sesión para poder contar coa avaliación dos servizos técnicos a respecto das emendas que precipitadamente se presentaron a última hora. Non se nos fixo caso e hoxe atopámonos con que quen votou a favor do documento presenta alegacións ao mesmo, conclúe Avia Veira.
Noticias relacionadas:
- O BNG non entende que o Goberno local se escandalice agora polos descadres do orzamento
- O BNG lembra que se puido aprazar o Pleno e que o Goberno votou a favor dos orzamentos
- O esperpento do Pleno no que se aprobaron os orzamentos
- Veira: "Existe un contrastado principio de incerteza sobre que orzamentos debatiremos o venres"
- A Comisión de Facenda non aclarou as demandas de concreción do BNG a respecto dos Orzamentos
- O BNG considera positivo que se incúan as súas achegas aos orzamentos
- O BNG recibe parte da documentación dos orzamentos municipais
- O BNG segue agardando pola resposta ás súas achegas aos orzamentos
- O BNG non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo
- O BNG trasladoulle ao Goberno municipal as súas propostas para os orzamentos
- O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos
- Avia Veira: Estamos dispostos a falar de propostas para facer os orzamentos canto antes"
- O BNG introducirá os orzamentos na Comisión de Portavoces convocada para mañá
- Veira: Tomamos a iniciativa e convocamos esta reunión para traballar con seriedade, con propostas"
- O BNG convoca á Marea e ao PSOE para dar saída aos Orzamentos 2016
- O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016
- Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira
- Por que nos achegaron onte os que "parecen ser" os Orzamentos 2016?
- Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015"