O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro polo centro de saúde

Exterior do Centro de Saúde de Novo Mesoiro
Exterior do centro de saúde de Novo Mesoiro
O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro polo centro de saúde

A Coruña, 22 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar distintas iniciativas a través do Grupo Parlamentario na Cámara galega, para que se atendan as problemáticas denunciadas pola veciñanza do barrio de Novo Mesoiro a respecto do centro de saúde que atende aos barrios de Novo Mesoiro, Feáns, Mesoiro e a Urbanización de Breogán.

O BNG presenta no Parlamento de Galiza sendas iniciativas para dotar ao centro de saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso

Deste xeito o BNG recolle as demandas da veciñanza que leva xa anos reclamando que se aumenten os servizos do centro de saúde, xa que o mesmo non é suficiente para a demanda existente.

As nacionalistas lembran, tal e como ten denunciado a Asociación, que o centro de saúde de Novo Mesoiro atende a unha poboación aproximada de 12.000 persoas, das que máis de 1.800 son nenas e nenos. Asemade, e como se ten constatado, a atención é só en horario de mañá, derivando os servizos aos que se prestan no centro de saúde de Matogrande, sen conexión directa a través do servizo público de transporte, e a dotación de profesionais sanitarios é tan só de dúas prazas de médico de familia e tres de enfermaría.

Avia Veira: “Presentamos unha batería de preguntas así como unha Proposición non de lei para que o Parlamento de Galiza inste ao Goberno galego a dotar ao centro de saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso para dar cobertura sanitaria a todas as persoas da súa área de influencia e, de xeito inmediato, a creación dunha nova praza de pediatría”

Exterior do centro de saúde de Novo Mesoiro

“Por riba, a carencia de persoal viuse agravada desde o pasado mes de decembro, data na que se pechou o cupo de pediatría. Non se aceptan máis altas novas, e toda as nenas e todos os nenos que nazan teñen que solicitar pediatra noutro centro de saúde, salvo que teñan un/unha irmán/irmá con alta no propio centro de Novo Mesoiro”, sinalan as nacionalistas.

O Bloque denuncia que os escasos recursos para unha poboación tan elevada ten como consecuencia que moitas das persoas da área de influencia do centro teñan que solicitar atención noutros centros de saúde da cidade. “Tal e como denuncian as veciñas e veciños de Novo Mesoiro, a pesares de ser un barrio que aumenta en poboación, que ten un dos maiores índices de nacementos de toda Galiza, con máis nenas e nenos en idade escolar da Coruña, teñen unha carencia importante de servizos públicos, sen servizo de transporte directo ao CHUAC, aos centros de especialidades médicas ou a outros centros de saúde”, lembra Avia Veira.

O Grupo Municipal do BNG recolle as demandas da veciñanza deste barrio a respecto do centro de saúde no que, entre outras carencias, se pechou o cupo de pediatría a finais do ano pasado, non existe servizo de matrona, non existe servizo de urxencia e non hai servizo sanitario a partir das 15.00 h

É por iso que o BNG, a través destas iniciativas, demanda dotar a estes barrios dunha cobertura sanitaria acorde ás súas necesidades, tendo en conta, lembran as nacionalistas, que ademais as instalacións do centro de saúde son novas e conta con toda unha planta baleira.

“Presentamos unha Proposición non de lei para que o Parlamento de Galiza inste ao Goberno galego a dotar ao centro de saúde de Novo Mesoiro co cadro de persoal preciso para dar cobertura sanitaria a todas as persoas da súa área de influencia e, de xeito inmediato, a creación dunha nova praza de pediatría. E tamén unha batería de preguntas para a súa resposta oral en Comisión para saber se o Goberno galego considera que o cadro de persoal do centro de saúde é suficiente para atender á veciñanza da súa área de influencia, se considera que cun só pediatra está ben atendida a poboación infantil da área de influencia do centro de saúde de Novo Mesoiro, para saber cal é a xustificación de non ampliar o servizo de pediatra, tendo en conta o alto número desta poboación infantil e que a mesma está en aumento, e, por último, se se vai atender a demanda existente da veciñanza de ampliar a cobertura sanitaria, en especial de pediatría”, conclúe a concelleira nacionalista Avia Veira.

 

Preme aquí para ver as iniciativas presentadas:

O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas da veciñanza de Novo Mesoiro polo centro de saúde