O BNG pregunta a respecto do cese da expedición das tarxetas Millennium no Fórum
A Coruña, 28 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistras esta maña varias preguntas relativas ao cese da expedición, e da tramitación de calquera incidencia, das tarxetas Millennium no Fórum Metropolitano.
O BNG rexistrou esta mañá varias preguntas relativas ao cese da expedición das tarxetas Millennium do Fórum Metropolitano
E é que as nacionalistas pregúntanse, despois do cese deste servizo acontecido onte e o seu traslado a estación de autobuses, e que segundo as informacións que aparecen en distintos medios de comunicación, obedece unha centralización do servizo debido á proximidade entre as dependencias que existen no Fórum Metropolitano e as dependencias da estación de autobuses, se se estudou a posibilidade de que ese traslado se producira a outros barrios da cidade, co obxecto de facilitar o servizo á veciñanza e, deste xeito, facer máis accesíbel a expedición das tarxetas.
As nacionalistas pregúntanse se se estudou a posibilidade de trasladar o servizo a outros barrios da cidade antes de centralizalo na estación de autobuses pola súa proximidade
Segundo aparece en distintos medios de comunicación, o xustificante principal para o cese do servizo foi a proximidade entre as dependencias do concello, o Fórum e a estación de autobuses; preguntámonos se antes de tomar esta decisión se avaliou a posibilidade de levar a calquera barrio da cidade o servizo, xa que esta decisión dá lugar a que agora as coruñesas e os coruñeses só podan xestionar calquera incidencia a respecto da nosa tarxeta Millennium en tres dependencias, a propia estación de autobuses, o Ágora e no edificio do Concello en María Pita. Queremos saber se houbo algún impedimento que obrigou ao Goberno municipal a non poder darlle máis facilidades e unha maior accesibilidade á veciñanza para a obtención desta tarxeta indica Avia Veira.
O Bloque pregúntalle ao Goberno municipal, do mesmo xeito, se analizou a posibilidade de ampliar o horario de expedición destas tarxetas fixado na actualidade entre as 8.00 h e as 14.00 h
Por outra banda, e na mesma iniciativa, o Bloque interésase tamén polo horario de expedición das tarxetas fixado na actualidade entre as 8.00 h e as 14.00 h. Así, pregúntalle ao Goberno municipal se considera axeitados os horarios actuais para a expedición e tramitación de incidencias da tarxeta Millenniun, se ten estudado a posibilidade de ampliar o horario para facilitar a expedición das tarxetas e se, en conclusión a este estudo, o vai ampliar.
O horario actual para a obtención da tarxeta é moi restritivo e impídelle a moitas persoas o poder realizar as xestións necesarias para obter a tarxeta ou mesmo xestionar calquera incidencia coa mesma. A nosa intención é saber se o Executivo local considera oportuno ampliar o horario nun futuro, conclúe Avia Veira.
Artigos relacionados