O Concello non cumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria de 2013
A Coruña, 15 de setembro de 2014.- O Concello da Coruña dificilmente poderá acollerse á ampliación de 10 a 20 anos do prazo para que os concellos devolvan as liquidacións negativas da súa participación nos ingresos do Estado (PIE) en 2008 e 2009, tendo en conta, como puxo de manifesto o Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas o pasado xoves, que non cumpriu os obxectivos de débeda e estabilidade orzamentaria. Segundo a Disposición Adicional Única do Real Decreto-lei 12/2014 de 12 de setembro (publicado no BOE de 13 de setembro) para poder beneficiarse desta ampliación do prazo hai, entre outros, que cumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria de 2013, que o Concello da Coruña non cumpriu.
Así, a Disposición Adicional Única do Real Decreto-lei 12/2014 sinala que para ser beneficiado da ampliación do prazo as entidades locais deberán ter presentado a liquidación dos orzamentos de 2013, cumprir os obxectivos de débeda e de estabilidade de 2013 e que prevean cumprilos igualmente para 2014. Ademais, o período medio de pago a provedores non debe superar en máis de trinta días o prazo máximo. Neste sentido, o Concello da Coruña non cumpriu os obxectivos de débeda e de estabilidade de 2013 e tampouco cumpre o período medio de pago a provedores (segundo recoñece o Goberno local está en 38 días), e todo isto sen contar os máis de 5 millóns de euros en facturas que non foron aboadas aos provedores en 2013 nin foron contempladas tampouco nos orzamentos de 2014, razón pola que o primeiro modificativo de crédito de 2014, destinou 3,81 millóns a pagar estas facturas.
O Concello da Coruña ten, segundo a Conta Xeral de 2013, unha débeda de máis de 98 millóns de euros, dos cales máis de 18 millóns son o saldo pendente a reintegrar da participación nos ingresos do Estado de 2008 e de 2009.