O PP non foi capaz de cubrir nin a metade das axudas ofertadas para prácticas no estranxeiro
A Coruña, 12 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Concello da Coruña non foi capaz de cubrir nin a metade das axudas ofertadas para prácticas no estranxeiro. E é que o concello solicitou á Unión Europea axuda para 50 bolsas destinadas a alumnado de Ciclos de Grao Medio e excluíu o alumnado de Ciclos Superiores, aínda que por formación e por idade os titulados de Ciclos Superiores parecían máis acaídos para este tipo de bolsas no estranxeiro.
Hai xa varios meses que o BNG lle solicitou ao Concello que esas 50 axudas se distribuísen en 20 bolsas para o alumnado dos Ciclos de Grao Medio e 30 para os de Grao Superior. E o tempo veulles dar a razón ás nacionalistas, pois o Concello sacou a convocatoria e só conseguiu 19 alumnos, de aí que se veña obrigado a sacar unha segunda convocatoria coas 31 bolsas que non atoparon a quen lle interesase (achégase a ligazón onde está anunciada esta segunda convocatoria http://www.edu.coruna.es/ga/portada/novas_do_servizo_municipal_de_educacion/programa_acoreuropa2 ).
O proxecto ACORE estaba destinado até o momento a titulados superiores de ciclos de FP de Hostalaría e Turismo, Comercio Internacional e Marketing e Administración e Finanzas e consistía na realización de prácticas formativas durante 6 meses en empresas do Reino Unido , Austria e Italia. Mais o Goberno do Sr. Negreira decidiu, de xeito unilateral e contra o parecer das comunidades educativas dos institutos afectados e do propio estudantado, excluír o alumnado de Ciclos Superiores e non lle solicitou á Unión Europea as axudas para a mobilidade de alumnado de ciclos de Grao Superior.
O Grupo Municipal do BNG tiña preguntado que dificultade tiña o Goberno do PP para que os titulados de Ciclos Superiores puidesen seguir mantendo as 30 bolsas e o alumnado de ciclo medio contase con 20 bolsas. Isto, advirte o BNG, provócalles un dano irreparábel a uns titulados que en xuño de 2015 non poderán incorporarse a unha empresa europea.