A Compañía de Tranvías aumenta o salario da Directiva por conta de encarecer o billete do bus
A Coruña, 6 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira pon de manifesto que a Compañía de Tranvías pode incrementar os seus gastos de persoal con menos traballadores (isto é, aumenta os salarios da Directiva) sen ver reducidos os beneficios. En salarios, o persoal de alta dirección recibiu 480.606,44 euros no 2012, mentres que no 2011 recibiu 474.354,98 euros. O sistema é tan perverso que o incremento salarial determina un incremento tarifario, sinala a nacionalista. E é que as tarifas do autobús urbano son fixadas mediante unha fórmula de cálculo, a fórmula polinómica, na que se teñen en conta a variacións de custos, incluídos os de persoal. Así, o incremento de custos supón maiores tarifas e maior subvención municipal.
As contas económicas da empresa revelan que a Compañía de Tranvías gaña máis malia a suba dos custos (de persoal e gasoil), pero ese incremento de beneficios págao o Concello en forma de subvencións, que no 2012 ascenderon a 8 millóns, e as persoas usuarias do bus en forma de maiores tarifas, denuncia.
A Compañía de Tranvías non investiu un céntimo en I+D
Pola outra banda, Avia Veira advirte de que a Compañía de Tranvías non investiu un céntimo en investigación e desenvolvemento ao longo do exercicio do 2012, tal e como reflicten as contas da empresa. Así, mentres que a Compañía de Tranvías incrementou os seus beneficios por conta das subvencións que lle outorga o Concello, decidiu non destinar nada en I+D+i.
Neste contexto, a concelleira do BNG insiste en esixir a revisión da concesión da Compañía de Tranvías, nomeadamente, da fórmula polinómica de cálculo das tarifas, unha fórmula que Avia Veira cualifica de perversa. Advirte de que se o Goberno municipal non corrixe esta fórmula, todos os anos vai subir o billete do bus.
A chamada fórmula polinómica calcúlase en función do incremento destas cinco variábeis: custo salarial, custo dos combustíbeis, amortecemento de vehículos, IPC e beneficio industrial. Non se teñen en conta nin as subvencións outorgadas polo Concello da Coruña nin a estrutura de gastos de explotación da empresa. Deste xeito, o aumento dos prezos é automático. De aí que Avia Veira insista en que a solución pasa por modificar a fórmula de cálculo das tarifas para que se compute os beneficios da empresa (4,66 millóns no 2012) e as subvencións que lle dá o concello (8,04 millóns no 2012).