Avia Veira: "O alcalde é o maior cómplice do atraco da concesión da Compañía de Tranvías"
A Coruña, 5 de agosto de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira debullou na mañá de hoxe en rolda de prensa as contas económico-financeiras da Compañía de Tranvías correspondentes ao 2012, unhas contas que revelan que a concesión do servizo urbano de autobús representa un auténtico desastre para o Concello da Coruña. O Sr. Negreira é o maior cómplice do atraco a man armada da concesión da Compañía de Tranvías porque malia que as contas, ano tras ano, evidencian que os orzamentos do Concello se desangran por culpa desta concesión, o Goberno municipal négase a revisala, sinalou.
A edila do BNG realizou estas declaracións baseándose nas cifras de negocio da empresa, que poñen de manifesto que o Concello subvencionou a Compañía de Tranvías con 8.043.915,22 euros, cantidade que representa o 36,66% sobre a cifra de negocios. Denunciou que o déficit de explotación subvencionábel da empresa foi de 3.703.931,39 euros. Porén, o Concello transferiulle á empresa un total de 8.043.915,22 euros, é dicir 4.339.983,83 euros máis do que garantía o equilibrio económico-financeiro do servizo. E isto malia que o Concello da Coruña recibiu do Estado no 2012 só 1.423.688,18 euros en concepto de subvención ao transporte. Isto só ten un nome: saqueo directo aos petos do pobo do que o Sr. Negreira é coautor por negarse a revisar a fórmula polinómica de cálculo dos billetes, unha fórmula perversa que devora os cartos das coruñesas, salientou.
Os máis de 8 millóns non son unha subvención directa aos usuarios e usuarias do bus, senón á Compañía de Tranvías, tal e como recoñeceu o interventor
En base ao que reflicten as contas da empresa, podería considerarse a situación financeira da Compañía de Tranvías é moi boa e que a sía estrutura é sólida, mais por que o é?, preguntou Avia Veira, pois porque a cidadanía da Coruña está a financiar, vía subvencións públicas esta empresa concesionaria dun servizo público esencial. E non o di o BNG, a propia Compañía de Tranvías recoñece que as subvencións municipais e o incremento das tarifas son os que permiten incrementar a cifra de negocios, salientou a nacionalista. Non son de estrañar os suculentos beneficios da empresa, engadiu.
Que o Concello da Coruña subvenciona esta empresa tamén o advirte o interventor municipal, quen, lembrou a concelleira do BNG, apuntou no informe dos orzamentos municipais de 2013 que non se trata tanto dunha subvención directa a favor dos beneficiarios (usuarios do transporte) como dunha asunción por parte do Concello de parte do prezo do billete a través dos recursos xerais e propios do Concello. Polo tanto ( ) a transferencia non se efectúa ao auténtico beneficiario senón ao concesionario do servizo.
É posíbel e é vital para a economía do Concello revisar esta concesión de 1986
Avia Veira concluíu a rolda de prensa poñendo de manifesto que é posíbel e é vital para a economía da Coruña revisar a concesión de 1986, tal e como permite o artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña. Tamén defendeu a necesaria revisión da fórmula para o cálculo da tarifa en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión.
Está na man do Goberno municipal acabar co enriquecemento da empresa por conta dos cartos municipais e de acabar, tamén, co encarecemento das tarifas que sufrimos todas as usuarias, mesmo os colectivos máis desfavorecidos, engadiu.