O BNG pregúntalle ao Goberno municipal pola discriminación da lingua na programación de festas
A Coruña, 6 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, que rexistrou esta mañá unha iniciativa, preguntoulle ao Goberno municipal polos motivos polos que un ano máis as galegas e os galegos que visitan a nosa cidade e as coruñesas teñamos que agardar case unha semana logo do comezo das Festas de María Pita para dispor da edición impresa en galego da súa programación.
O Grupo Municipal do BNG lamenta que este ano, do mesmo xeito que en 2012, unha vez iniciadas as festas de María Pita non estivesen ao dispor das persoas visitantes e da cidadanía programas impresos na nosa lingua nin nas oficinas de información turística nin nos puntos de información da Concellaría de Cultura.
Para alén disto, as nacionalistas denuncian que desde os perfís de Twitter e Facebook de Coruña Cultura só se está a difundir a versión dixital en castelán malia existir a versión en galego, esta si, desde o comezo das Festas.
As nacionalistas advirten de que esta é unha mostra máis do preocupante retroceso que se deu desde que o PP goberna A Coruña e de que a situación da Coruña non se dá en ningunha outra cidade de Galiza, goberne quen gobernar. Lamentabelmente, o Goberno do Sr. Negreira actúa como se o galego non for lingua oficial, e isto, malia que en termos cuantitativos, A Coruña é a cidade de Galiza con máis persoas galegofalantes.
Por último, as concelleiras do BNG demándanlle ao Goberno do Sr. Negreira que para o vindeiro ano, 2014, difunda desde o comezo das Festas de María Pita nas redes sociais e que teña impresa a programación -tanto a Guía de man como a versión ampliada- en galego desde o comezo das Festas para así garantir os dereitos das persoas galegofalantes, avanzar na igualdade de estatus para o galego e rematar dunha vez coa súa discriminación no uso público da nosa lingua por parte deste goberno municipal.