Caxigal esixe garantías de accesibilidade e comunicación para o Birloque
A Coruña, 27 de setembro de 2012.- O concelleiro do BNG Xan Caxigal presentou esta mañá un rogo co fin de que o Goberno municipal lle facilite información aos veciños e veciñas do Birloque sobre as obras e as infraestruturas que se están a acometer no barrio e para que defenda a necesidade de que os núcleos de poboación fiquen comunicados con garantías de accesibilidade e seguridade. Precisamente, os habitantes desta zona transmitíronlle ao BNG a súa preocupación polas obras de construción da Terceira Rolda (Rolda RC Deportivo da Coruña) e os seus enlaces á altura de San Cristovo das Viñas e O Birloque coa Avda. Salgado Torres e a Avda. de San Cristovo.
"Os veciños e veciñas expresáronnos o seu malestar pola falta de información no que ten a ver coa mobilidade e as comunicacións entre os distintos núcleos de poboación da contorna", sinala Caxigal. E é que moitos dos servizos dos que fan uso están localizados na segunda fase do polígono de Elviña e a circulación, tanto peonil como rodada, faise a través da Avda de Glasgow cara a rúa Pablo Picasso, cruzando a Avda de San Cristovo. Caxigal advirte de que non está aclarado como será o tránsito entre a Avda de Glasgow cara a Salgado Torres nin como ficarán as comunicacións co núcleo de San Cristovo das Viñas.
"Preocúpanos non só que a comunicación estea garantida, senón que, ademais, estea en condicións de accesibilidade e que favoreza, ou, cando menos non dificulte, a circulación de peóns, bicicletas, carriños de bebés...", pon de manifesto o concelleiro nacionalista.
Caxigal denuncia a ineficacia do modelo de concelleiras de barrio, que cualifica como clientelar e sectario
Caxigal explica que os veciños e veciñas informaron as concelleiras de barrio da situación, "mais o único que recibiron foron compromisos de trasladar esas informacións á área de goberno competente, cando non se desentendían do asunto, argumentando que era unha infraestrutura do Goberno central e ignorando, así, a responsabilidade do Goberno municipal, ao tratarse dunha actuación en territorio do concello".
"Remitir os e as residentes do Birloque ao Goberno central, no canto de exercer de goberno próximo á cidadanía, resulta de moi difícil xustificación", engade Caxigal.
Neste contexto, o edil nacionalista cualifica de "ineficaz" e de "inoperativo" o sistema das Concellarías de barrio, ao non darlle resposta aos verdadeiros problemas da cidadanía. Como mostra deste modelo ineficaz, ademais do caso do Birloque, Caxigal lembra o caso da A VV do Castrillón IAR, unha das máis emblemáticas da cidade, á que o Goberno local non quixo recibir, ou cita o caso do veciño de Eirís desafiuzado, Antonio Pereiro, cuxa situación, que foi denunciada polo BNG, segue sen resolverse.
O BNG aposta por afortalar o movemento social organizado e por corresponsabilizar a cidadanía no canto do modelo das edís de barrio
A participación cidadá, advirte Caxigal, non se limita ao sistema de edís de barrio. "Fronte a este modelo arbitrario e clientelar, o BNG aposta por afortalar o movemento social organizado e por corresponsabilizar a cidadanía, co fin de converter o Concello da Coruña nunha institución ao servizo dos veciños e veciñas", sinala. "Só cunha participación cidadá real como na que acredita o BNG poderá avanzarse nunha acción de goberno realmente transformadora", engade Caxigal.
Por último, o nacionalista salienta que debe ser a cidadanía a protagonista, e non os concelleiros de barrio. De aí que considere que o Goberno local debería estabelecer mecanismos directos de participación da veciñanza na vida municipal.