Vitoria Louro: "O BNG aposta por un mundo sen discriminacións por razóns de sexo"

Vitoria Louro: "O BNG aposta por un mundo sen discriminacións por razóns de sexo"

A Coruña, 27 de setembro de 2012.- A candidata Vitoria Louro, unha das persoas que representa a cidade na lista do BNG, participou esta mañá nun reparto de material informativo sobre igualdade no mercado de Santo Agostiño, acompañada dos concelleiros e concelleiras do BNG e de militantes da organización. En declaracións aos medios, a nacionalista animou a cidadanía a escoitar as propostas dos e das nacionalistas en materia de igualdade, nun encontro sectorial que terá lugar mañá, venres, ás 20.30h, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, coincidindo co Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto.

Louro puxo de manifesto que "o BNG quere mudar a orde estabelecida, porque acreditamos nun mundo máis xusto, onde non existan discriminacións por razón de xénero". "Por iso apostamos polos servizos públicos, polos servizos sociais", apuntou. "Os recortes do PP en servizos sociais sufrímolos as mulleres por partida dupla, porque somos nós as que temos que suplir as carencias no benestar das persoas dependentes, enfermas ou crianzas", expuxo.

 

A candidata do BNG, que defende o aborto libre e gratuíto, chama a cidadanía a participar no encontro sectorial de igualdade en que as nacionalistas presentarán as súas propostas en materia de xénero. Mañá, venres, ás 20.30h, no local da A.C. Alexandre Bóveda

 

A candidata nacionalista rexeitou as actuacións do Goberno de Feijóo en materia de igualdade. Citou a aprobación da ILP Red Madre, "que impide que as mulleres decidamos sobre o noso propio corpo", a Lei da Familia, "que nos quere facer crer que o lugar natural das mulleres é o doméstico", os recortes en igualdade, "que chegan ao 80%" ou a conxelación da lei de igualdade no traballo ou da lei galega de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

"Por todo isto, as alternativas do BNG pasan por restaurarmos os dereitos que o PP puxo en cuestión e por estabelecermos como prioridades políticas de acción positiva útiles para contrarrestarmos o proceso de empobrecemento das mulleres que se está a dar", indicou. Na mesma liña, Vitoria Louro, que aposta por unhas políticas de igualdades transversais, e non restrinxidas a un só departamento, chamou a defender os dereitos conquistados polas mulleres e a afondar neles, "porque é a única medida de loita contra a discriminación de xénero".

 

"O PP, tamén o Sr. Negreira, quere levarnos de novo ás cavernas, e as mulleres temos dereito a decidir sobre o noso corpo"

 

 

Sobre a interrupción voluntaria do embarazo, Vitoria Louro apelou a un aborto libre e gratuíto e denunciou que "o PP, tamén o Sr. Negreira, quere levarnos de novo as cavernas, porque limitar o aborto é limitar a liberdade". Neste sentido, sinalou que "as mulleres temos dereito a decidir sobre o noso corpo".

A candidata nacionalista lembrou que o Grupo Municipal do BNG levara a Pleno unha moción que o PP non permitiu debater, precisamente, por reclamar a non derrogación da Lei do Aborto.

Tamén no que ten a ver coa política municipal, Vitoria Louro criticou a política de desmantelamento do Goberno do Sr. Negreira en materia de igualdade. "O Sr. Negreira fixo desaparecer a Concellaría de Igualdade no organigrama do Concello e acometeu graves recortes nos orzamentos municipais que supuxeron a supresión dos programas sociais de igualdade, a partida para actividades socioculturais ou o plan de emprego para as mulleres. Tamén citou a liquidación dos orzamentos de 2011, que reflicten que o Goberno municipal non executou 265.000 euros en promoción de emprego e de autonomía das mulleres.

 

 

Vitoria Louro: "O BNG aposta por un mundo sen discriminacións por razóns de sexo"