O caso de Turkish Airlines desenmascara a política de propaganda e contacontos do Sr. Negreira

O caso de Turkish Airlines desenmascara a política de propaganda e contacontos do Sr. Negreira

A Coruña, 27 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG amósase "farto" de escoitar os contos do Sr. Negreira, un alcalde que prefire á ficción á realidade. "Parece máis un contacontos que un Goberno municipal", sinalan os nacionalistas respecto de Alvedro. E é que a pesar de que a principios de marzo o Sr. Negreira e a Sra. Cid anunciaban aos catro ventos a chegada da compañía Turkish Airlines, dándoa por un feito, vimos de coñecer que a operadora voará desde Lavacolla e non desde Alvedro.

Os nacionalistas consideran que "xa basta de tanta ficción ao redor do aeroporto coruñés, o Sr. Negreira ten que abandonar a política de propaganda e de contacontos e ten que asumir que, desde a súa chegada ao Goberno municipal, Alvedro perdeu o 30% dos destinos, o 40% dos voos e 500.000 viaxeiros e viaxeiras, o que representa un 24 por cento menos". E a estas cifras súmanselle os prezos desorbitados de Iberia, pola marcha de aeroliñas, e unha nova operadora que abandonará o aeroporto coruñés en decembro, Easyjet.

O Grupo Municipal do BNG ve lamentábel que o Goberno municipal, no canto de recoñecer a súa política errática, recorra á escusa da pista, "desde marzo, a pista non encolleu", ironizan os nacionalistas, que lle esixen ao Sr. Negreira, unha vez máis, que demande a creación dun sistema aeroportuario galego.

 

 

O caso de Turkish Airlines desenmascara a política de propaganda e contacontos do Sr. Negreira