Caxigal critica que o Goberno renunciara a devolver os cartos @s usuari@s de San Diego
A Coruña, 17 de outubro de 2012.- O concelleiro do BNG Xan Caxigal vén de rexistrar unha batería de preguntas para a resposta escrita relativas ao acordo extraducial ao que chegaron o Goberno municipal coa concesionaria do centro deportivo de San Diego Sidecu Gestión, S.A. antes de que o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 se pronunciase ao respecto.
O colectivo de usuarios e usuarias deste equipamento está a manifestar o seu desacordo coa postura adoptada polo Goberno municipal respecto do contencioso administrativo que interpuxera a concesionaria de San Diego contra unha instrución do Concello que a obrigaba a devolver integramente as cotas dos días en que non se lles prestou aos usuarios e usuarias os servizos aos que estaban inscritos, explica.
Caxigal expón que a situación vén motivada pola folga do persoalñ das instalacións deportivas de finais do ano 2009 e de principios de 2010. O Goberno municipal, sempre con total legalidade e respectando os dereitos da concesionaria, debe velar polos dereitos da cidadanía, salienta. Para determinar o xusto da medida adoptada polo Concello da Coruña no seu momento estaba pendente o fallo do Xulgado Contencioso Administrativo n1 ao recurso presentado pola concesionaria, engade.
Ao edil do BNG resúltalle curioso que non se lles facilitara aos usuarios e usuarias os criterios de valoración e os estudos que levaron ao acordo.
Que razóns levaron o Goberno municipal a adoptar o acordo extraxudicial que permite que a concesionaria non devolva os importes íntegros?
Neste contexto, Caxigal rexistrou unha serie de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polos criterios seguidos para adoptar o acordo; pola documentación achegada pola concesionaria para determinar que só se viu afectada pola folga, e en determinadas circunstancias, a instalación da piscina e polo número de usuarios e usuarias teñen aínda pendente de abono as cotas das prestacións non disfrutadas pola folga.
Ademais pregunta se foi contrastada a información da concesionaria coa documentación que debe obrar no Servizo Municipal de Deportes, referidos aos pagamentos das cotas da Seguridade Social e salarios aos traballadores e traballadoras por parte da concesionaria. Tamén pregunta se o Goberno municipal tivo en conta da opinión e prexuízos aos usuarios e usuarias de San Diego e que razóns levou ao Goberno municipal a adoptar este acordo extraxudicial.