O BNG aposta polos camiños de ferro para reducir o fluxo de vehículos privados
A Coruña, 17 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que as medidas acordadas hoxe na Xunta Local de Seguridade non acabarán co problema de conxestión crónica que sofren a cidade e a comarca. De aí que os nacionalistas insistan nun plan de mobilidade a nivel metropolitano que contemple medios de transporte públicos e alternativos, nomeadamente o tren de proximidade. A posta en marcha dun servizo de cercanías evitaría a entrada e saída de milleiros de vehículos particulares na cidade, sinalan.
A este respecto, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a infraestrutura, os camiños de ferro, xa está construída, e simplemente habería que darlle uso. Non se trata de ningunha obra faraónica, apuntan, só hai que darlles servizo. Comparan o escaso custo da posta en marcha dun tren de proximidade cos máis de 300 euros que custa a terceira rolda.
Que vai facer o Goberno municipal para garantir a continuidade do tramo A Coruña-Ferrol?
Os nacionalistas pregúntanse se vai adoptar algunha medida o Goberno municipal para evitar a supresión da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol, que o concelleiro de Urbanismo negou no pasado Pleno de outubro. E iso que o Real Decreto Lei 22/2012 supón a privatización dos servizos ferroviarios e o feche de liñas que o Goberno central non considera rendíbeis. Así, a primeira disposición adicional primeira do real decreto lei indica que "antes do 31 de decembro, Fomento levará ao Consello de Ministros unha proposta sobre a viabilidade das infraestruturas que entenda o PP que desde o punto de vista económico e social non sexan rendíbeis". Este novo recorte suporía, no caso da comarca da Coruña, ademais do encarecemento dos billetes e da perda de calidade no servizo, o feche da liña A Coruña-Ferrol, empregada por máis de 80.000 viaxeiros e viaxeiras no 2011, que é unha cifra que representa un 25 por cento máis que no 2008.
Estas cifras evidencian que é necesario investir nun servizo de proximidade que nos una coa comarca de Ferrol e coa nosa comarca con axilidade, comodidade, sustentabilidade e prezos asequíbeis. Os nacionalistas esíxenlle ao Goberno municipal que aposte con firmeza polo tren de proximidade no plan de mobilidade que está a elaborar e que lle demande ao Goberno central a mellora dos servizos de media distancia actuais, tanto en número de frecuencias como no material rodante, o abaratamento das tarifas e un plan urxente de mellora da infraestrutura (como o traspase en Betanzos), co fin de reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol, que na actualidade ten unha duración de 1 h. 15 min.
Tamén reclama o BNG que o Goberno do Sr. Negreira emprace o Goberno central a potenciar as infraestruturas ferroviarias coa posta en servizo das vías de ferro que atravesan as distintas localidades da comarca e pasan polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto e chegan o centro da Coruña, até a Praza de Ourense.
Por último, os nacionalistas apostan polo inicio de negociacións para transferir as competencias en materia ferroviaria nos devanditos corredores á Galiza, co financiamento e os medios adecuados, para a creación dunha Compañía Ferroviaria Pública Galega.