Carril ve disparatados os prezos dos inmobles postos á venda polo Goberno municipal

Carril ve disparatados os prezos dos inmobles postos á venda polo Goberno municipal

A Coruña, 17 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG considera que a valoración económica dos inmobles postos á venta polo Goberno do Sr. Negreira é disparatada respecto da situación actual dos prezos do mercado da vivenda na Coruña, moito máis cando se trata de inmobles con bastante antigüiade (17 anos no das Lagoas e 9 anos no da Avenida de Chile).

Do mesmo xeito, os nacionalistas consideran que a poxa, ao fixar un prezo mínimo tan elevado e desaxustado á situación actual do mercado, vai propiciar seguramente que parte da adxudicación quede deserta.

De feito, o propio informe de valoración municipal recoñece que para todos os locais postos á venda a oferta é superior á demanda e precísase, ademais, que as expectativas de revalorización pesentan unha tendencia á baixa.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os inmobles postos á venda forman parte do Patrimonio Municipal do Solo, polo que tanto a lexislación galega como a estatal permiten que a enaxenación destes bens se poida facer tamén por concurso, e que, ademais do factor prezo, se teñan en conta e se valoren outras circunstancias, como pode ser a situación económica ou familiar dos concursantes.

No caso do piso do edificio das Lagoas (Paseo Francisco Vázquez, 66, 7º) trátase dun edificio construído en 1995 (isto é, cunha antigüidade de 17 anos), polo cal unha valoración de 226.400 euros (a 2.144 euros/m2) é totalmente desproporcionada respecto do valor de mercado dos pisos nesa zona e para unha vivenda con 17 anos. O mesmo sucede coa valoración das prazas de aparcadoiro neste edificio (a 27.333 euros/praza).

No caso dos locais (piso e garaxes) da Avenida de Chile, trátase dun edificio de 9 anos de antigüidade (construido en 2003) que é valorado a 1.917 euros/m2 (224.240,61 euros en total, incluíndo praza de garaxe e trasteiro).

Así, o Grupo Municipal do BNG considera tamén que a valoración do Goberno municipal carece de suficiente motivación, xa que a comparación foi efectuada con locais situados noutras zonas da cidade, cando o que esixe a normativa legal é que sexan na mesma zona. Por exemplo, para a valoración municipal dos locais das Lagoas compárase con outros situados en Juan Florez, Avda. Chile, Adelaida Muro e Zalaeta, zonas afasatadas e distantes.

 

Carril ve disparatados os prezos dos inmobles postos á venda polo Goberno municipal