Caso Pokemon: O BNG exixe a dimisión do Sr. Flores e explicacións urxentes de Negreira

Julio Flores, portavoz do Goberno municipal do PP/www.coruna.es
Caso Pokemon: O BNG exixe a dimisión do Sr. Flores e explicacións urxentes de Negreira

Julio Flores, portavoz do Goberno municipal do PP/www.coruna.es

A Coruña, 1 de febreiro de 2014- Con independencia das responsabilidades penais que puidesen existir, logo de termos coñecemento do contido de parte das gravacións en relación ao caso “Pokemon”, ponse de manifesto que as actuacións do Sr. Julio Flores, portavoz do Goberno municipal do Partido Popular, non só eran contrarias ao que se espera dun cargo público senón que son totalmente incompatíbeis co exercicio no cargo público como concelleiro, razón pola que o Sr. Flores debería dimitir.

O BNG expón que a responsabilidade pola que debe rexerse todo cargo público implica actuar conforme á legalidade, á ética pública e ao principio de confianza, pero principalmente, conforme ao principio de obxectividade, isto é, ten que utilizarse o cargo para cumprir as funcións de servizo público e non para intereses puramente particulares ou partidistas. Un cargo público non pode facer uso do mesmo con fins espurios. Por esta razón, e con independencia das responsabilidades penais, o BNG salienta que o Sr. Flores utilizou o cargo non para o exercio da función pública senón con fins perversos, de modo que o Bloque volve exixir a dimisión do portavoz do Goberno municipal do Partido Popular.

O BNG urxe o Sr. Negreira a cesar a Flores como membro da Xunta de Goberno Local e como portavoz do Goberno Local

O BNG volve urxir o Sr. Negreira a adoptar medidas contra as persoas imputadas no caso “Pokemon”, especialmente co Sr. Flores, dado que as gravacións evidencian que utilizou o cargo para cuestións totalmente diferentes ás que lle corresponden a un representante público. E non só debería adoptar medidas, senón que debería aclarar, e aclarar xa, se el tiña coñecemento ou non das actuacións que constan nas gravacións do Sr. Flores. Así, o BNG insiste en que o Sr. Negreira debería aclarar se esas actuacións do Sr. Flores eran a título particular ou en representación dos intereses do Partido Popular. O BNG subliña que debe facelo de inmediato porque cada día que pasa máis grande é a desconfianza que se xera respecto ao Concello da Coruña e á súa xestión.

Caso Pokemon: O BNG exixe a dimisión do Sr. Flores e explicacións urxentes de Negreira