O BNG pedirá en pleno frear a privatización do mantemento de edificios do Sergas na Coruña
A Coruña, 1 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou hoxe unha moción en que insta o Goberno do Sr. Negreira a emprazar a Xunta de Galiza a paralizar a privatización do servizo de mantemento e conservación de instalacións do Hospital Teresa Herrera e edificio anexo, Hospital Marítimo de Oza e edificio anexo (Hospital de Día de Psiquiatría), Hospital Abente y Lago (Hospital, Centro de Consultas Externas e Centro de Atención Primaria cos seus andares administrativos), Centro de Especialidades do Ventorrillo (Centro de Saúde e Centro de especialidades), da Lavandería da Agrela e mais do Hospital de Cee. Nesta iniciativa o BNG tamén reclama que o servirzo se manteña dentro do sistema público, cos 85 traballadores e traballadoras que viñan desenvolvendo estes labores.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto na moción que esta nova ofensiva privatizadora do PP vai encarecer o servizo, pois a empresa concesionaria cobrará algo máis de 30 millóns de euros por desenvolver unhas tarefas que funcionaban perfectamente, con profesionais moi cualificados e cualificadas, con experiencia e cunha boa calidade na asistencia. Así, as nacionalistas salientan na moción que as privatizacións que está levando a cabo o Partido Popular desde a Xunta de Galiza non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico e enerxético, senón o afán por privatizar a sanidade pública galega para lla entregar a empresas privadas que fan negocios coa saúde.
O BNG tamén alude na iniciativa ás irregularidades do prego da licitación deste concurso, xa que nin sequera recolle un informe de diganose enerxética dos centros nin o histórico do consumo. Tampouco existe a penalización por incumprimento e déixase en mans da empresa decidir que persoal necesita o servizo e que melloras hai que acometer. Ademais, as cláusulas administrativas particulares non definen os criterios de adxudicación nin os requirimentos que ten que cumprir o contratista.