O BNG leva a pleno unha moción contra a suba de cotizacións @s autónom@s
A Coruña, 31 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego exixiralle ao Pleno da Corporación, a través dunha moción, que lle demande ao Goberno central un posicionamento contrario á suba nas cotizacións para persoas autónomas e pequenas empresas, despois de que o Partido Popular aprobara un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano, unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. Esta medida aprobada polo PP desde o Goberno central tamén lles afecta ás persoas traballadoras autónomas incluídas neste réxime especial, ao amparo do que estabelece a disposición adicional vixésimo séptima do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.
O BNG salienta na moción que en base ás medidas aprobadas polo PP tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, o que suporá máis de 60 euros ao ano. Estes novos recortes, sinala o Bloque, aplícanse sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas.
A consecuencia directa, alertan as nacionalistas, será estrangular aínda máis estas persoas e o efecto indirecto será a destrución de emprego neste tipo de unidades económicas, ao forzar a que microempresas destas características contraten menos de 10 persoas. Ademais, estas medidas provocarán unha maior desaparición de pequenas empresas, mentres se limita a súa capacidade de xeración de emprego, principal problema económico na Coruña e en Galiza. Non ten sentido, afirma o Bloque, que se incrementen as cargas sobre estas unidades económicas, mentres se aumentan as axudas a grandes empresas, ao mesmo tempo que se manteñen sobre elas enormes vantaxes fiscais que impiden ao Estado manter políticas económicas anticíclicas.
A moción do BNG insta a promover unha reforma fiscal progresiva e políticas activas de emprego
O BNG expón na moción que o suposto obxectivo desta medida contraria ás persoas autónomas pasa por facer viábel a Seguridade Social, que para o presente ano terá un déficit de máis de 10.000 millóns de euros. Neste contexto, o conxunto de reformas do PP que gravarán con máis cargas as persoas autónomas terá un impacto de menos de 1.000 millóns, polo que non contribuirá a resolver este problema. Para o Bloque, o mecanismo máis eficaz para a sustentabilidade da Seguridade Social pasa por unha reforma fiscal e políticas activas de emprego que reduzan a enorme taxa de paro, por asegurar o mantemento o nivel salarial de todos e todas as traballadoras, e non por incrementar as cotizacións aos segmentos máis vulnerábeis do tecido empresarial nun momento que atravesan serias dificultades económicas.
Neste contexto, a moción que leva o BNG a Pleno demándalle ao Goberno do Estado que aprobe as reformas lexislativas necesarias de cara a promover unha reforma fiscal verdadeiramente progresiva, que grave as grandes fortunas e grandes empresas, persiga a fraude fiscal e non incremente as cargas sobre as persoas autónomas e pequenas empresas. Tamén insta a Xunta de Galiza a pór en práctica políticas activas de emprego en Galiza, como mellor mecanismo para garantir a sustentabilidade da Seguridade Social, con especial incidencia nas políticas sobre a mocidade e as mulleres, os segmentos máis vulnerábeis para a obtención de emprego