O BNG lémbralle ao Goberno municipal que as sentenzas firmes de Someso poden recorrerse
A Coruña, 17 de outubro de 2012.- O Goberno municipal coincidiu esta mañá co manifestado polo BNG respecto da prudencia e cautela coa que hai que valorar as recentes sentenzas denegatorias de reversión en Someso, tendo en conta a existencia de varias sentenzas do TSXG que ordenan a reversión dos terreos en supostos similares, tal e como precisou o BNG. Porén, os nacionalistas consideran que é unha mágoa que a prudencia que agora pide o Goberno do Sr. Negreira non teña carácter retroactivo para este Goberno municipal, cando en novembro do 2010 cualificaba de actuación delictiva prevaricadora o acordo da Xunta de Goberno Local que agora o Xulgado declara conforme a dereito.
Tamén resulta contraditorio, sinalan os nacionalistas, que o Goberno Municipal considere unha chapuza urbanística a denegación da reversión dos terreos e, ao mesmo tempo, declare agora que esta denegación é legalmente correcta porque así o sentenciou o Xulgado do Contencioso nº 3.
Ademais, o Grupo municipal do BNG salienta que é falso que non se poidan recorrer as sentenzas firmes que obrigan a pagar 9 millóns de euros e que haxa que acatalas. Así é que os nacionalistas acusan o Goberno municipal de amosar unha ignorancia manifesta. Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG salienta que as sentenzas firmes poden ser recorridas cando, como pode ser o caso, aparezan novos documentos decisivos que non foran aportados no seu momento por causas de forza maior ou por culpa dos beneficiarios da sentenza, xa que así o estabelece o art. 102 da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativo (*); lei que semella descoñecer o Goberno municipal.
En consecuencia, e no suposto de que o TSXG confirme as recentes sentenzas do Xulgado nº 3 en base á nova documentación achegada ao expediente xudicial, o Concello podería interpoñer posteriormente recurso de revisión contra das sentenzas firmes anteriores (as que ordenan a reversión e que deron lugar ás indemnizacións millonarias), e caso de ser estimado este recurso procedería a devolución das indemnizacións cobradas polos reversionistas.
(*) Lei 29/1998, da Xurisdición Contencioso-Administrativo :
Artículo 102. . Habrá lugar a la revisión de una sentencia firme:
a) Si después de pronunciada se recobraren documentos decisivos, no aportados por causa de fuerza mayor o por obra de la parte en cuyo favor se hubiere dictado.
b) Si hubiere recaído en virtud de documentos que, al tiempo de dictarse aquélla, ignoraba una de las partes haber sido reconocidos y declarados falsos o cuya falsedad se reconociese o declarase después.
Si habiéndose dictado en virtud de prueba testifical, los testigos hubieren sido condenados por falso testimonio dado en las declaraciones que sirvieron de fundamento a la sentencia.
Si se hubiere dictado sentencia en virtud de cohecho, prevaricación, violencia u otra maquinación fraudulenta.