Carril reivindica "a cultura que fai cidade e a cidade que fai cultura"
A Coruña, 14 de maio de 2015- O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, e a escritora Mercedes Queixas, integrante da candidatura, presentaron na tarde de hoxe as 50 medidas que acometerá en materia de cultura. Fixérono nun encontro con axentes sociais, ante os que Carril reivindicou a cultura que fai cidade e a cidade que fai cultura.
As propostas culturais do BNG-Asembleas Abertas xiran ao redor de oito bloques: lectura e bibliotecas, museos científicos, a memoria da cidade, patrimonio, participación e cohesión social, creación artística, artes escénicas e musicais, artes plásticas e visuais, todas elas coordinadas polo Consello Municipal de Cultura que creará a formación nacionalistal.
Entre as actuacións, Carril e Queixas salientaron que o BNG-Asembleas Abertas promoverá a sinatura de convenios coa Universidade da Coruña e centros de investigación para divulgar o seu labor e recuperará e porá en valor o patrimonio inmaterial, especialmente aquel vinculado ás raíces históricas e culturais da cidade. Neste sentido, conmemorará o centenario das Irmandades da Fala e editará guías didácticas e itinerarios urbanos, entre outras medidas.
O BNG-Asembleas Abertas potenciará as ferramentas que faciliten achegar a arte a toda a xente; creará programas de difusión e apoio á realización de artistas plásticos e visuais mozos e mozas; apoiará o festival de cinema da cidade, S8 e recuperará a Mostra de Ciencia e Cinema, tal e como sinalaron o candidato e a candidata nacionalistas.
Ademais, co BNG-Asembleas Abertas no goberno manterase unha programación estábel anual de teatro galego; potenciarase a sala O Túnel como espazo preferente para a exhibición de programacións dirixidas ao público mozo; reforzarase a infraestrutura dos locais de ensaio municipais para a mocidade; potenciarase a Banda Municipal de Música e porase en marcha unha programación de música e artes escénicas dirixida a novos públicos e centrada en novas disciplinas como o teatro e a danza contemporánea, o novo circo, a maxia e o cabaré, os espectáculos multimedia e a música non comercial.
O candidato e a candidata do BNG-Asembleas Abertas sinalaron que se potenciarán as vías de apoio aos colectivos de creadores e aos movementos de base; habilitaranse espazos multiusos en centros municipais para que os creadores locais poidan desenvolver alí os procesos de creación e produción e crearase unha factoría cultural, con servizos de apoio ás persoas creadoras en calquera disciplina artística. Tamén anunciaron que o BNG-Asembleas Abertas recuperará o Achegarte, a festa da cultura.
Rede de espazos para a difusión cultural en todos os barrios
Ademais, Carril e Queixas salientaron que se porán en marcha fórmulas participativas para definir as programacións culturais, transformarase o edificio da antiga prisión provincial da Coruña nun espazo para a xestión cultural independente, retomando o proceso participativo e que sexa o pobo quen determine os contidos, a toma de decisións e a organización do espazo tal e como propón o Proxecto Cárcere e estabelecerase unha rede de espazos para a difusión cultural que cubra todos os barrios da cidade, mediante acordos con entidades públicas e privadas. Tamén se promoverá o acceso á programación cultural de colectivos desfavorecidos ou da poboación inmigrante.
No que ten a ver co patrimonio, o BNG-Asembleas Abertas iniciará a catalogación, o inventario, o estudo e o coñecemento do patrimonio históricoartístico, arqueolóxico, etnográfico e eco-xeográfico e, entre outras moitas actividades, creará a ruta urbana dos petróglifos.
En canto á lectura, Carril e Queixas sinalaron que o BNG-Asembleas Abertas desenvolverá un plano de lectura con todos os axentes implicados (librarías, escritoras e escritores, bibliotecas, centros de ensino ) así como un plan de bibliotecas que garanta o acceso de toda a veciñanza a servizos bibliotecarios de calidade. Ademais, o programa do BNG-Asembleas Abertas tamén recolle, a petición da veciñanza, unha biblioteca para Novo Mesoiro.