Carril presenta ante un cento de sindicalistas o programa de emprego do BNG-Asembleas Abertas
A Coruña, 13 de maio de 2015- O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, participou na mañá de hoxe nun encontro ao que asistiron perto dun cento de sindicalistas. Carril, que estivo acompañado de candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas representantes de distintos sectores, presentou as principais liñas do programa electoral en materia de emprego, un programa que recolle máis de 100 actuacións encamiñadas a crear postos de traballo.
Carril comezou a súa intervención lembrando os traballadores e traballadoras que sufriron nestes últimos catro anos ERE en empresas da cidade e da comarca, moitas das cales estiveron presentes no encontro. Así, aludiu as traballadoras de Mafecco, Emesa, Emesa Trefilería, Alcoa, Atento, Teleperformance... e máis recentemente de Liteyca.
A continuación, o candidato nacionalista falou de conflito, dun conflito que trae causa de que cada vez somos máis as persoas que estamos empobrecidas e cada vez hai máis enriquecemento a conta nosa. Neste sentido, expuxo que hai un conflito, un conflito que hai que recoñecer para poder resolver. Hai que posicionarse neste conflito e o BNG-Asembleas Abertas está do lado de quen padece ese conflito e ofrecemos alternativas.
Así, tal e como puxo de manifesto previamente en declaracións aos medios de comunicación, Carril deu conta das actuacións recollidas polo BNG-Asembleas Abertas no programa electoral, unhas actuacións encamiñadas a dinamizar a nosa economía, tendo en conta que A Coruña vai camiño de convertese nun deserto industrial. No BNG-Asembleas Abertas apostamos pola intervención decidida na economía local por parte do Concello da Coruña a través da contratación pública alternativa -con cláusulas sociais nos pregos de contratacións que favoreza o emprego entre a mocidade, as mulleres, as persoas con discapacidade e as excluídas, entre outras-; a través da dinamización da propia economía, cun impulso decidido polos propios sectores produtivos da cidade -actividades marítimo pesqueiras, ría do Burgo, universidade, polígonos industriais...- e a través da reordenación das actividades económicas -con actuacións específicas no comercio como un banco público de locais comerciais ou coa posta en valor dos mercados, impulsando a ocupación dos postos baleiros dos mercados con diversas actividades, salientou.
Pola súa banda, antes da intervención de Carril, tomaron a palabra os distintos candidatos e candidatas que representan as distintas loitas sindicais no BNG-Asembleas Abertas: Suso Bermello aludiu aos recortes que sofre o ensino; Tino Fernández referiuse á precarización que sofren os traballadores e traballadoras do telemárketing; María Seijo criticou o desmantelamento da sanidade pública por parte do Partido Popular; Julio Moskowich, como traballador de Alcoa, reivindicou unha tarifa eléctrica propia para Galiza, e Laura Méndez aludiu á transferencia de recursos da sanidade pública á privada.
Filgueira (CIG): O BNG estivo do lado e puxo voz ás reivindicacions dos traballadores e traballadoras no Concello da Coruña
Pola súa banda, na quenda de intervencións do público, o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, agradeceu o labor do BNG na oposición ás políticas de recortes do Goberno do Sr. Negreira e salientou que foi o BNG quen lle puxo voz ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras das empresas da cidade e da comarca e quen presentou unha moción en apoio á iniciativa lexislativa popular da CIG sobre as 100 medidas para crear emprego en Galiza.
Ademais, o secretario nacional da CIG, Suso Seixo, que tamén estivo presente no acto, sinalou que se algo lle preocupa ao sistema é o nacionalismo, pois o poder está en organismos como o Banco Central Europeo, o Fondo Monetario Internacional, a Comisión Europea... controlados polo capital e nos que o pobo non decide nada. Afirmou que, pola contra, o nacionalismo promove que a capacidade de decisión estea en mans do pobo.