Fomento non vai cambiar os paneis opacos nas Rañas e en San Cristovo das Viñas
A Coruña, 14 de maio de 2015- O Ministerio de Fomento vén de responderlle ao BNG que non trocará os paneis-muro opacos instalados por San Cristovo das Viñas e nas Rañas por paneis translúcidos no acceso á AC-14 á altura de San Cristovo das Viñas e na AC-14 á altura das Rañas.
En resposta ás preguntas formuladas pola deputada Rosana Pérez, o Ministerio de Fomento contesta que a colocación dos paneis anti ruído é consecuencia de atender as especificacións reflectidas no proxecto vixente e que o único efecto negativo que se pode desprender da colocación dos paneis anti ruído é o da perda de panorámica das vivendas. Fomento tamén indica que os translúcidos son paneis reflectantes, é dicir, que rebotan o son. Porén, malia esta última consideración, o BNG advirte de que existe paneis translúcidos na zona do cuartel da Garda Civil e mais no enlace de Mesoiro, ao contrario que no caso de San Cristovo das Viñas e das Rañas.
Así mesmo, Fomento recoñece na resposta ás preguntas do BNG que recibiu escritos das veciñanza de ambos os lugares nos que manifestaban a súa oposición á colocación das pantallas anti ruído. Precisamente, o BNG levou ao Congreso esta problemática a petición dos veciños e veciñas de San Cristovo das Viñas e das Rañas, dados os efectos negativos que provocan os paneis na súa vivenda. Estes paneis impiden a visibilidade e deixan as vivendas na sombra e sen exposición á luz solar, co risco de humidade que implica.
Con motivo da resposta de Fomento ás preguntas formuladas, o BNG lamenta que tanto a veciñanza das Rañas como a de San Cristovo das Viñas xa tiveran que padecer as consecuencias das obras de acceso á cidade nos últimos anos, nomeadamente polas actuacións derivadas da execución da AC-14.