Carril: "O PP sobe o prezo da auga malia os beneficios millonarios de Emalcsa"
A Coruña, 8 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, critica que o Goberno do Sr. Negreira lles suba o prezo da auga á maioría dos e das coruñesas a pesar dos beneficios millonarios que rexistra Emalcsa.
Segundo os datos do rexistro mercantil, aos que tivo acceso o BNG, o resultado de explotación da empresa, que reflicte a diferenza entre ingresos e gastos da explotación do obxecto social de Emalcsa medra un 62%.
O menor beneficio neto (o beneficio despois dos impostos) no 2011 respecto do 2010 explícase polo resultado obtivo no 2010 pola venda das participacións accionarias que Emalcsa tiña en R. Así, de acordo coas contas de 2010 obrantes no rexistro mercantil, o 13.04.2010, Emalcsa vendeu o 1,89% de R por un total de 8.505.000 euros, que se traduce nun beneficio contábel de 4.499.926 euros.
As contas de 2011 reflicten un déficit na situación patrimonial do Plan de Pensións do persoal, cuantificado en 768.882 euros (déficit derivado dos resultados negativos do investimento financeiro deste fondo).
Cifra de negocios
Emalcsa: unha fonte extraordinaria de beneficios mentres se lle sube a auga á cidadanía
Á vista destes datos, Carril pon de manifesto que Emalcsa é unha fonte extraordinaria de beneficios, resultado, basicamente, dun sobre custo do servizo que paga a cidadanía da Coruña e os concellos clientes. E, malia, isto, o Goberno do Sr. Negreira teima en tratar a auga como un ben de luxo, encarecéndolles o seu consumo aos coruñeses e coruñesas, que pagarán unha media de 20 euros máis ao ano pola auga. É dicir, Emalcsa enriquécese por conta que quitarlle cartos á cidadanía.
O portavoz do BNG fai fincapé en que a Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos obriga a que as taxas municipais dun servizo como o da auga e do abastecemento deben cubrir os custos de explotación do servizo, pero non máis. Mais, na Coruña, a realidade é que a cidadanía está a pagar pola auga un prezo maior do que debería. Isto evidénciase no espectacular resultado de explotación de Emalcsa e o seu incremento progresivo ao longo dos anos.