O BNG chama a atención sobre o silencio do alcalde en relación ao financiamento do Parrote
A Coruña, 7 de novembro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre os orzamentos municipais, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que os nacionalistas non tiveron aínda acceso aos orzamentos e non teñen coñecemento das contas municipais máis alá do que publicaron os propios medios e do comunicado de prensa do Goberno municipal.
En calquera caso, con esta limitación, Carril denunciou que dos orzamentos de 2012 só hai executado o 17% do investimento, e chamou a atención sobre o silencio do Goberno municipal sobre o financiamento das obras do Parrote. Lembrou ao respecto que o Goberno municipal pediu un empréstito de 3 millóns de euros para pagar o agasallo a Copasa e que agora apela a que a Xunta de Galiza financie o capricho desta empresa e da Autoridade Portuaria. Tamén aludiu ao Ofimático, apuntando que o investimento debería ser maior e que non se está a cumprir co prazo de execución.
Ademais, Carril pediu prudencia sobre as transferencias do estado porque ese incremento pola participación en tributos do estado faise sobre unha previsión. Así, expuxo que estas cifras son variábeis e lembrou que poden darse casos como o das liquidacións negativas das participacións nos ingresos do Estado de 2008 e 2009 en base a unha lei de Aznar do 2004.
"Os servizos sociais son un dereito e non unha cuestión de beneficencia"
Sobre os orzamentos en servizos sociais, Carril sinalou que hai que preguntarlle ao Goberno do Sr. Negreira que entende por gasto social. Os servizos públicos deben ser prestados pola propia administración sobre a base de que hai un dereito da cidadanía e non deben depender da beneficencia social e da caridade. "Veremos se o orzamento vai destinado a investimentos reais en servizos sociais como dereito ou se vai destinado a investimentos para entidades benéfico sociais", engadiu.
Nesta liña, Carril apuntou que as entidades benéfico sociais, ás que o BNG respecta e das que valora o seu traballo, están para complementar o labor das administracións públicas, e non deben suplir nunca estas. "A Administración sempre ten que ir por diante", concluíu.