O BNG chama á mobilización da cidadanía contra a suba da auga

O BNG chama á mobilización da cidadanía contra a suba da auga

A Coruña, 9 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG chama á mobilización da cidadanía da Coruña contra o aumento do prezo da auga, unha suba a través da cal o Goberno do Sr. Negreira lle incrementa os beneficios a Emalcsa. De feito, os nacionalistas están a poñerse en contacto con asociacións veciñais e de consumidores para solicitarlles asembleas abertas co fin de darlles a coñecer este roubo aos petos dos e das cidadás. Ademais, os nacionalistas fomentarán a presentación de alegacións e emprenderán unha recollida de sinatura contra o aumento do prezo da auga que, de media, subirá uns 20 euros anuais.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifestio que a cidadanía xa está a pagar un sobre prezo sobre o custo real do servizo, o que se evidencia nos espectaculares beneficios de Emalcsa e no seu incremento progresivo. E isto, malia que a lei (Lei 8/1989, de 13 de abril de taxas e prezos públicos) obriga a que as taxas dun servizo municipal, como o da auga, só cubran os custos de explotación do servizo, e non máis.

A onde van os beneficios de Emalcsa?

Os nacionalistas explican que até xuño de 2012, os Estatutos de Emalcsa estabelecían que dos beneficios líquidos (despois de impostos) debían ser distribuídos do seguinte xeito:

  • 10% á reserva legal, até que esta acadase o 20% do capital. Esta reserva legal non é preciso dotala, xa que as reseravs acumuladas exceden, con moito, do 20%.
  • 5% ao fondo social
  • 10%, como máximo, en calidade de dividendos, a ingresar nas arcas municipais
  • O restante, a reservas voluntarias

Así se viña facendo nos últimos anos. De feito, no ano 2010 só se destinou a dividendos o 1% do beneficio. E,  nos orzamentos municipais para o 2011, prevíase como ingreso por dividendos de Emalcsa un total de 637.000 euros, isto é, o 10% dos beneficios líquidos do ano anterior.

Porén, os nacionalistas denuncian que en xuño de 2012, o Goberno municipal, coa oposición do BNG, cambiou os estatutos de Emalcsa para, entre outras cousas, modificar o art. 34 (que regula a distribución de beneficios), de xeito que, a partir de entón, a distribución dos beneficios é a seguinte:

  • Un importe igual ao 10% dos beneficios anuais van á reserva legal até que acade, cando menos, o 20% do capital
  • O resto debe ser aplicado de acordo coa proposta do Consello de Administración aprobado pola Asemblea Xeral Anual

Así, o Grupo Municipal do BNG advirte de que desde xuño de 2012 a distribución de dividendos ao concello non está suxeito ao límite máximo do 10%, co cal, e tendo en conta que a reserva legal xa está dotada, a maioría do Goberno pode destinar a totalidade do beneficio líquido a incrementar os orzamentos municipais. E así fixo o Sr. Negreira nos orzamentos actuais, de 2012, cando na partida de ingresos preveu 1.334.655,07 euros (o duplo que no 2011).

En consecuencia, cos beneficios obtidos da explotación dun servizo municipal básico, que é achegado pola cidadanía da Coruña e polos concellos clientes, o Concello obtén un financiamento patrimonial extraordinario. Así, os nacionalistas poñen de manifesto que o sobrecusto que se paga polo servizo da auga e sumidoiro achega este ano ao Concello 1,3 millóns de euros, contía que vai medrar exponencialmente no 2013, tal e como se comprobará nos orzamentos de 2013.

O PP introduciu cambios na Fundación Emalcsa para externalizar servizos, que escapan ao control da oposición

Como complemento da externalización do servizo público da auga, o Concello constituíu en xuño de 2009 a Fundación Emalcsa, S.A., creada, inicialmente, como organismo social para complementar as demandas da cidadanía en temas fundamentalmente sociais. Porén, coa chegada do PP, aprobáronse os estatutos en xullo de 2011, comprometéndose Emalcsa a achegar 3 millóns de euros.

A fundación comezou as súas operacións en marzo de 2012 e, na actualidade, executa contratacións como a de Smart City (para a que se empregarán 11 millóns de euros, de fondos europeos) ou Coruña Futura (con 950.000 euros de fondos municipais), iniciativas externalizadas que escapan ao control público da Corporación Municipal. Cos estatutos elaborados polo Sr. Negreira, as actividades e accións de Emalcsa escapan de todo control municipal, constituíndo, así, un Goberno municipal paralelo á sombra, completamente opaco.

 

 

 

O BNG chama á mobilización da cidadanía contra a suba da auga