Carril: "As novas medidas do PP réstanlle o 40% da capacidade adquisitiva @s empregad@s municipais"

Carril: "As novas medidas do PP réstanlle o 40% da capacidade adquisitiva @s empregad@s municipais"

A Coruña, 10 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, dedicou parte da súa intervención en Pleno a denunciar as medidas prexudiciais do Real Decreto Lei 20/2012, dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e a precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social. Trátase dunha norma que, tal e como sinalou Carril, reducirá a capacidade adquisitiva dos empregados e empregadas municipais nun 40 por cento.

Carril aproveitou o debate do asunto primeiro, sobre a aplicación ao alcalde, concelleiros e concelleiras e persoal directivo no relativo ás ás retribucións do persoal no RD 20/2012, para dar conta dos prexuízos que lles supón ás maiorías sociais esta norma imposta, unilateralmente, polo PP. “Mentres protexe e beneficia os intereses dos banqueiros, especuladores e defraudadores, o seu Goberno amigo impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50 por cento, así como, o endurecemento dos requirimentos para o acceso á renda activa de inserción, unha vez esgotado o desemprego; incrementa o IVE; suprime a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; reduce as empresas e fundacións públicas; delimita a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; liberaliza o sector servizos; flexibiliza os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras”, expuxo Carril.

O nacionalista explicou que o PP fai unha aplicación de máximos do RD 20/2012, que afonda no recorte dos dereitos das persoas que traballan no Concello da Coruña. Así, sinalou que o Sr. Negreira rebaixa o número de día de vacacións do persoal público empregado no Concello (en base a que o citado Real Decreto suspende os acordos, pactos e convenios en materia de vacacións) e recorta as prestacións económicas de baixas por enfermidade. Alén da eliminación dos tres días de ausencia por indisposición recollidos no acordo regulador e no convenio, hai que sumarlle, a eliminación da paga extra de nadal (o que significa a rebaixa dun 7 por cento do salario), con enorme repercusión no consumo da cidade, sinaladamente no comercio e hostalería local, engadiu.

Carril salienta que co RD 20/2012 todos os empregados e empregadas municipais traballarán tantas horas como as persoas que cobran o complemento de especial dedicación

Carril denunciou que o Goberno local se negara a explorar outras vías menos prexudiciais para os traballadores e traballadoras municipais no que denominou “o recorte máis importante que se lembre no concello” por unha aplicación de máximos do Real Decreto-Lei 20/2012. Referiuse Carril ao complemento de especial dedicación. E é que máis de 300 persoas en que se encadra todo o persoal de libre designación reciben un complemento de especial dedicación, porque traballan dúas horas máis á semana no concello, sumando en total 35.640 horas anuais e cun custe de más de tres millóns de euros. Son horas que o concello as necesita a maiores para o correcto desenvolvemento da súa actividade e funcionamento.

Co RD 20/2012 e coa aplicación de máximos que fai o Goberno local, o persoal do concello (unhas mil cen persoas) vai ver incrementada a súa xornada laboral, achegando un total de 143.200 horas anuais. “Supéranse, polo tanto, esas 35.640 horas que o concello necesitaba a maiores. Por iso, non se entende que habendo este excedente de horas haxa que seguir pagando ese complemento, cando todos os traballadores/as do Concello da Coruña van ter obriga de facer agora o mesmo horario que até o de agora realizaban só os funcionarios que cobraban o complemento de especial dedicación.

Na súa intervención, Carril insistiu en que o BNG “está de acordo con que se lles manteña este complemento aos traballadores e traballadoras de protección civil, de seguridade cidadá, bombeiros e determinado persoal de infraestruturas, xa que se xustifica a especial dedicación coa necesidade de estar as vinte catro horas. Mais non entendemos que os trescentos e pico restantes o cobren, pois se a xustificación é facer 2,5 horas semanais máis, este horario co decreto que vai aplicar o PP a partir de setembro xa é o horario que terán que facer todo o persoal do Concello”.

As mocións do BNG, sen debate

A este Pleno, o Grupo Municipal do BNG levaba dúas mocións relacionadas co RD 20/2012, iniciativas que non foron debatidas pola negativa do PP. Unha delas, encamiñada a compensar a perda de poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos afectados polo decreto. E a outra, en rexeitamento das medidas económicas desta norma, así como da reforma de réxime local, que reforza as deputacións e que reduce os concelleiros e concelleiras para acabar co pluralismo político. Os nacionalistas reclamaban nesta moción a supresión das deputacións, unha reforma fiscal que gravase as grandes fortunas, a banca privada e as grandes empresas, que os cartos públicos fosen dirixidos á creación dunha banca privada, unha férrea regulación do sistema financeiro e o afortalemento da economía produtiva.

Tampouco permitiu debater o Goberno local a moción presentada polo BNG para crear unha comisión municipal de investigación das contas da Compañía de Tranvías, para revisarlle a concesión a esta empresa, para revisar o sistema de cálculo de prezos e o sistema de outorgamento de subvencións á compañía e para revisar á baixa o prezo do billete do autobús. Ademais, o Grupo Municipal do BNG solicitaba nesta iniciativa mellorar os servizos de bus, co fin de que as liñas unisen os barrios entre si, cos polígonos industriais e cos puntos estratéxicos da cidade, así como a renovación da frota.

 

Rogos sobre Cuac FM e sobre a Agra de Santo Amaro

Ademais, o PP tampouco deixou debater as iniciativas presentadas polos outros grupos municipais, co apoio do BNG, sobre Cuac FM. Precisamente, por ter agotada a cota de mocións, os nacionalistas, na liña da iniciativa presentada polo deputado e candidato á Xunta, Francisco Jorquera, no Congreso, levaran ao Pleno municipal un rogo para garantir no reparto de frecuencias espazo radioeléctrico para a radio comunitaria da Coruña.

Tamén presentou un rogo oral o BNG para que se convoque un Pleno da Corporación para incoar a revisión de oficio dos Estudos de Detalle de Santo Amaro por seren nulos de pleno dereito (ao omitirse o procedemento legalmente estabelecido e ao vulnerarse o principio de xerarquía normativa). Os nacionalistas reclaman no rogo que unha vez anulados os Estudos de Detalle se lle dea traslado desta anulación aos xulgados para que tramiten os recursos xudiciais dos promotores e para que, así, anulen os seus actos de aplicación, o proxecto de compensación, aprobado no 2008.

Carril: "As novas medidas do PP réstanlle o 40% da capacidade adquisitiva @s empregad@s municipais"