Valencia: "O PP quer acabar coa negociación colectiva, o que provocará indefensión e precarización"
A Coruña, 7 de setembro de 2012.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia acudiu esta mañá á concentración convocada pola CIG, UGT e CC OO diante do local da Confederación de Empresarios en defensa da negociación colectiva. Valencia alerta sobre os plans do Goberno do PP para rematar cun instrumento fundamental para a conquista de dereitos laborais por parte dos traballadores e traballadoras.
A concelleira do BNG, contraria á desregulamentación das condicións de traballo, sinala que a reforma da negociación colectiva, contemplada na agresiva reforma laboral aprobada por Rajoy, provocará a indefensión da clase traballadora fronte á patronal e o aumento da precariedade e contribuirá ao empobrecemento da poboación". Apunta que a reforma laboral está causando un bloqueo e unha ruptura do marco de negociación colectiva dos últimos 35 anos.
Denuncia a concelleira nacionalista que o PP "busca a individualización e a estratificación dos convenios colectivos a ámbitos da empresa, o que terá como consecuencia unha competencia brutal entre empresas dunha mesma actividade, premiando aquelas que precaricen e abaraten as condicións de traballo". Critica que Rajoy "quer restarlle capacidade de decisión aos traballadores e traballadoras á hora de negociar".
Por último, Ermitas Valencia alerta da paralización do proceso de renovación dos convenios pola decisión política de determinadas asociacións empresariais que están a levar ao límite a vixencia dos convenios.