O BNG amosoulle o apoio aos profesionais de extinción e salvamento na mobilización en María Pita
A Coruña, 10 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG amouselle esta mañá o seu apoio ao máis dun cento de profesionais do servizo de extinción e salvamento do Concello da Coruña, que se concentraron na praza de María Pita contra a creación dun Grumir na cidade. Os nacionalistas xa amosaron o seu rexeitamento á constitución deste grupo de intervención rápida. Non ten sentido ningún crear un Grumir, con persoal temporal, contratado por medio ano meses, e ao que aínda habería que formar, cando xa existe un SEIS cun equipo de profesionais con experiencia e formación, sinalan os nacionalistas. Ademais, lembran que os Grumir están pensados para actuaren en concellos de menos de 20.000 habitantes.
Pregúntase o BNG cales son os motivos que levan o Goberno do Sr. Negreira a crear o Grumir, dado que non existe ningún convenio asinado coa Xunta de Galiza ao respecto. Non hai nin convenio, nin razóns técnicas que leven o Concello da Coruña a precisar dun Grumir; temémonos, entón, que se trate dunha manobra do PP para contratar as súas amizades pola porta de atrás, apunta. Os nacionalistas advírtenlle ao Sr. Negreira dos riscos que pode supoñer ter un Grumir que interveña en sinistros que, por falta de formación e experiencia, non sexa quen de atender, máxime tendo un dos mellores servizos de bombeiros do país.