Carril: "O noso futuro tamén está na cidade que naceu do mar"

Carril: "O noso futuro tamén está na cidade que naceu do mar"

confraria

A Coruña, 15 de maio de 2015- O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, acompañado das candidatas María Xosé Bravo e Avia Veira, mantivo un encontro con membros da Xunta Xeral da Confraría de Pescadores para amosarlle que as propostas achegadas foron incluídas no programa electoral do BNG-Asembleas Abertas, no apartado da “Coruña mariñeira”. “Entendemos que o futuro está na Coruña que naceu do mar e precisamente por iso levamos no programa máis de 25 propostas para potenciar o mar como fonte de traballo e riqueza e tamén para potenciar o mar como berce da nosa cultura e espazo de lecer”, sinalou Carril na xuntanza.

O candidato nacionalista anunciou que o BNG-Asembleas Abertas recuperará a cidade que naceu do mar para encadrala na súa contorna mariña, tanto cultural como económica, potenciando, apoiando e defendendo as actividades de pesca, marisqueo, percebe e baixura en todos os seus ámbitos de actuación.

Entre as medidas salientadas por Carril atópase a declaración do porto da Coruña como porto galego altamente dependente da pesca, así como a recuperación integral da ría do Burgo e a planificación racional dos seus usos e mais a recuperación do banco marisqueiro e pesqueiro da zona da contorna do emisario de Bens, zona totalmente degradada e que conta cunha grande riqueza mariña.

Na mesma liña, Carril reivindicou a defensa do dereito das xentes do mar a vivir do seu traballo. Así, apostou pola modificación do reparto de cotas pesqueiras, nomeadamente do lirio, pescada, cigala, xarda, xurelo e rape; pola supervivencia da frota do cerco, a arte menor da frota con maior peso no porto da Coruña ou polo impulso dos produtos da Confraría de Pescadores, así como pola colaboración coas súas actividades.

Ademais, o candidato do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto que o BNG-Asembleas Abertas quere modificar o planeamento urbanístico para que o porto deixe de ser lugar de especulación urbanística e para que poida contar con infraestruturas eficientes e sustentábeis que garantan a actividade das persoas que alí traballan. Fixo alusión á petición do colectivo de mariscadoras e mariscadores dun lugar de control, pesado e clasificación que dispoña de zonas de vestiarios e de reunións. Na mesma liña, apostou por dotar de servizos o porto pesqueiro na dársena da Coruña, especialmente no relativo ao transporte, á mobilidade e aos equipamentos portuarios.

Carril tamén se referiu ao plano de eliminación de verteduras da cidade ao mar para garantir a continuidade dos recursos da fauna e a flora mariña, nomeadamente nas zonas da desembocadura do Río Monelos, na Dársena, no dique de Abrigo, nos Pelamios, en punta Herminia e na zona de San Roque e mais ao rexeitamento da instalación para despezar barcos na dársena de Oza polo enorme perigo que pode provocar na contorna da praia e do peirao de Oza, como na propia ría do Burgo. Neste sentido, exixiu o control, por parte das administracións competentes, das actividades potencialmente contaminantes de reparación, limpeza, pintado e despezamento e baleirado de barcos que se levan a cabo no propio peirao.

No que respecta ao mar como berce da cultura e espazo de lecer, o candidato do BNG-Asembleas Abertas salientou a recuperación e valoración da cultura do mar; o apoio e promoción do Consulado do Mar e a recuperación, estudo, valoración e difusión de todas as manifestacións da cultura popular mariñeira (artesanía, folclore, música…).

 

Carril: "O noso futuro tamén está na cidade que naceu do mar"