O BNG apoia as demandas da AVV de Oza-A Gaiteira-Os Castros contra a contaminación no porto de Oza
A Coruña, 16 de maio de 2015- O BNG-Asembleas Abertas amósalle o seu apoio ás reivindicacións da Asociación veciñal de Oza- A Gaiteira-Os Castros en relación á contaminación que sofre o peirao de Oza. Precisamente, o BNG-Asembleas Abertas recolle no programa electoral o rexeitamento da instalación para despezar barcos na dársena de Oza polo enorme perigo que pode provocar tanto na contorna da praia e do peirao de Oza, como na propia ría do Burgo. O programa tamén inclúe a exixencia de control, por parte das administracións competentes, de actividades potencialmente contaminantes de reparación, limpeza, pintado e despezamento e baleirado de barcos que se levan a cabo no propio peirao.
Pola outra banda, o BNG lembra que recentemente o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, presentou na Cámara galega unha batería de iniciativas parlamentares nas que denuncia os problemas ambientais que sofren tanto o porto como a praia da Oza. Nunha proposición non de lei, o portavoz parlamentar do BNG pide instar a Xunta de Galiza a exercer as súas competencias para que as actividades de reparación e despezamento de barcos no peirao de Oza se realicen con todas as garantías medio ambientais, co fin de evitar riscos para a saúde humana e o medio ambiente. E é que a reparación e despezamento de barcos no peirao de Oza se realizan, en palabras de Jorquera, en condicións moi precarias e á marxe da actual lexislación en materia ambiental pola falta de medidas de seguridade e de protección do medio, polos riscos sanitarios que pode levar asociados e pola importante contaminación do litoral que produce.