Carril: "Continuamos o traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na loita

Carril: "Continuamos o traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na loita

CARRILA Coruña, 7 de maio de 2015.- Os soportais do edificio do reitorado, na Maestranza, acolleu na noite de hoxe o acto de inicio de campaña do BNG-Asembleas Abertas, un acto que contou coa intervención do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, para arroupar a candidatura encabezada por Xosé Manuel Carril. O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas teceu a súa intervención, chea de forza e entusiasmo, ao redor da Coruña galega, “esta noite é de reafirmación colectiva para un presente e un futuro inzados de ilusións que nacen da nosa tradición como Pobo Galego”. “E como nacionalistas que somos, non estamos sós, porque temos unha historia que nos acompaña sempre, da que estamos moi orgullosas e que acredita que A Coruña e Galiza son o mesmo”, engadiu.

Deste xeito, Carril aludiu á Coruña da emigración galega; á de Lois Peña Novo como primeiro edil nacionalista galego; á Coruña como primeiro Concello en que se empregaba o galego oficialmente; á da posta en marcha das primeiras escolas de ensino primario en galego do noso País, impulsadas por Ánxel Casal e María Miramontes; á Coruña obreira, dos barrios e dos movementos sociais; á Coruña dos centros de estudos sociais, da Universidade Popular e da Cidade Escolar; á Coruña do cooperativismo obreiro de barrio; á Coruña da proclamación oficial da Segunda República tamén co himno de Pondal e coa bandeira branquiazul; á Coruña da creación de asociacións culturais e clubs populares e de lecer, como o Club do Mar, á Coruña ateigada de pancartas a favor do Estatuto de Autonomía para Galiza de 1936 e da súa aprobación por maioría.

Nesta liña, Carril puxo en valor a historia da Coruña, “unha historia popular de rebelións e de loitas pola liberdade”. “Polas rúas da Coruña do librepensamento, da coroación de Curros Enríquez, das cigarreiras, das leiteiras, das lavandeiras, das costureiras e dos traballadores do mar, da primeira cidade do Estado en que se implantou a xornada laboral de oito horas, da Cova Céltiga, da máis importante Irmandande da Fala —con tantas mulleres como homes—, da Academia Galega, da Nosa Terra, das Cántigas da Terra, da creación do libro galego moderno e das primeiras editoras e librarías galegas, polas rúas desta Coruña —dicía— deixaron a súa pegada moitas persoas boas e xenerosas da nosa patria”, sinalou.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas salientou que “A Coruña galega da que falamos hoxe sempre seguiu existindo, a pesar de quen practicou e practica o illamento localista da nosa cidade, que é o que máis a debilita”. A continuación, lembrou “o compañeiro Domingos Merino”, nacionalista, como o primeiro alcalde da Coruña do sistema constitucional de 1978.

 

Non facemos máis que continuarmos traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na nosa loita”

“É esta cidade Galega de Todas As Coruñas a que queremos, porque é a que dá sentido as nosas Coruñas Pública, Mariñeira, Social, Ética e de Barrios”, afirmou o candidato nacionalista. “Non facemos máis que continuarmos traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na nosa loita. Aquelas persoas firmes no compromiso das Irmandades da Fala, que xa vai camiño dos 100 anos e que dicía: «polo que máis quero, xuro ser dos bos e xenerosos»”, engadiu.

Carril rematou a súa intervención coas palabras “dun coruñés que foi corazón do Partido Galeguista”, Víctor Casas, que “na carta pola que se despedía dos seus antes de ser asasinado en 1936 pedíanos o seguinte: «Confío en que seguirán traballando pola Terra, encamiñándoa xa polos vieiros da súa liberación definitiva. Reorganicen o Partido, o noso glorioso Partido, e xa claramente, pois non pode haber dúbida para ninguén, cun matiz esquerdista dentro das esencias vivas da personalidade de Galiza».

Carril: "Continuamos o traballo das persoas boas e xenerosas que nos precederon na loita