Carril: "Revisaremos a política fiscal de asfixia social do PP desde a equidade e a xustiza"
A Coruña, 6 de maio de 2015.- O candidato do BNG-Asembleas Abertas na Coruña, Xosé Manuel Carril, presentou esta mañá as propostas relativas á política fiscal. Consecuentes co que fixemos na oposición durante estes catro anos, revisaremos a politica fiscal do Partido Popular -que non foi de conxelación- desde a xustiza e a equidade fiscal, porque teremos en conta a capacidade económica da maioría social, salientou. Neste sentido, o BNG-Asembleas Abertas aplicará criterios de xustiza social nos colectivos máis castigados pola crise, nomeadamente no de persoas desempregadas e no das perceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima.
Outra política de bonificacións no pagamento do IBI
Entre as actuacións que acometerá o BNG-Asembleas Abertas, Carril anunciou outra política fiscal de bonificacións no pagamento do Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI). Neste sentido, o candidato nacionalista sinalou que as persoas alugadas en vivendas municipais deixarán de pagar o IBI até o de agora estas persoas, con escasos recursos económicos estaban a pagalo- e propuxo unha bonificación de entre o 50 e o 90% (dependendo do número de descendentes e de situacións de discapacidade) para as familias numerosas, sempre que se trate da vivenda habitual e en función da situación económica da familia; unha bonificación do 50% nas vivendas que carecen do servizo de auga ou de saneamento e unha bonificación do 50% para as vivendas con aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.
Carril tamén salientou un sistema de axudas para comercio de proximidade e hostalaría no caso de vérense afectados por obras municipais superiores aos 9 meses e gravames máis elevados no IBI cando a persoa sexa titular de grandes patrimonios ou de locais e pisos baleiros e en desuso. Esta medida ten unha finalidade clara, tal e como explicou o nacionalista, favorecer o abaratamento dos alugueres de baixos e locais de cara a dinamizar a actividade económica da zona, con negocios de pequeno e mediano comercio e hostalaría.
Outra política de taxas e prezos públicos: derrogación da suba do recibo da auga
No que ten a ver coa política en materia de taxas e prezos públicos, Carril anunciou, entre outras medidas, a derrogación da suba do recibo da auga aprobada polo Goberno local do PP no 2012. Nesta liña, suprimirá a taxa para a celebración de matrimonios civís e a taxa das hortas urbanas.
Pola outra banda, eliminará a taxa por decomisos estabelecida polo PP para penar os vendedores ambulantes e revisará as tarifas relativas á recollida e tratamento do lixo segundo o grao de tratamento realmente efectivo dos refugallos.
Outra política para o plan de pagamento personalizado de impostos municipais
Ademais, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas subliñou unha nova política para o plan de pagamento personalizado de impostos municipais, ampliando esta medida de impacto positivo tanto sobre a Facenda municipal, que conta con maior liquidez sen recorrer á vía do financiamento externo a curto prazo (o que supón o pagamento de xuros), como sobre as persoas, ao veren reducida a contía final que teñen que pagar.
Neste sentido, Carril anunciou a ampliación a un 3% da bonificación polo pagamento anticipado de impostos como o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, o IBI, a taxa de prestación do servizo de recollida e tratamento do lixo e a taxa pola entrada de vehículos desde a vía pública a edificios, locais e solares e de reservas de vía pública para aparcadoiro, carga e descarga e outras actividades en interese particular. O BNG-Asembleas Abertas excluirá da aplicación da bonificación do 3% ao Imposto sobre Actividades Económicas.