O BNG-Asembleas Abertas impulsará un banco de locais comerciais con alugueiros asequíbeis
A Coruña, 8 de maio de 2015.- Nun reparto de material informativo sobre as propostas do BNG-Asembleas Abertas, o candidato nacionalista, Xosé Manuel Carril, anunciou que humanizará a vida na Agra do Orzán, un dos barrios con máis densidade de poboación do Estado español, e dinamizará o seu comercio.
No que respecta á dinamización da actividade comercial, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas puxo de manifesto, en declaracións aos medios, que a Agra do Orzán conta con máis de 400 baixos comerciais baleiros e sinalou que creará un banco público de locais comerciais para a súa oferta en réxime de aluguer controlado, de modo que permita a revitalización das actividades do pequeno e mediano comercio.
No que ten a ver coa humanización da vida do barrio, Carril sinalou que o BNG-Asembleas Abertas aproveitará espazos públicos para o uso da veciñanza. Anunciou que transformará o Parque o Observatorio e o Campo da Burra nun espazo verde público, mantendo o funcionamento do propio Observatorio. Na mesma liña, afirmou que o BNG-Asembleas Abertas impulsará acordos coas comunidades de veciños e veciñas para estudar o aproveitamento de determinados patios interiores de vivendas, co fin de abrilos como espazos para o pobo ou como espazo para o estacionamento (e así liberar espazos nas rúas).