Bravo: "Na axenda do Goberno do PP os barrios non existen e a cidade é só o centro"
A Coruña, 14 de xaneiro de 2014.- No capítulo de preguntas orais da sesión plenaria desta mañá, o Goberno municipal do Sr. Negreira foi incapaz de xustificar o rexeitamento de todas e cada unha das reclamacións presentadas polo BNG aos orzamentos municipais sobre as necesidades dos barrios. Estas reclamacións xurdiron das propostas que lle realizaron as asociacións veciñais ao Bloque en diferentes reunións para coñecer de primeira man as necesidades primarias do barrio.
A concelleira María Xosé Bravo salientou en pleno que vendo os orzamentos de 2014 podemos afirmar categoricamente que, na súa axenda, os barrios non existen e que, para vostedes, a cidade é o centro da Coruña. Criticou o gasto de millóns de euros municipais no túnel do Parrote, o agasallo de millóns de euros á Autoridade Portuaria para construír un túnel e o gasto de 2 millóns nas festas de María Pita para atraer xente ao centro e deixar os barrios baleiros.
María Xosé Bravo salientou os gravísimos problemas da cidade, mais tamén aludiu ás oportunidades: unha rede de asociacións veciñais, socioculturais e asociacións deportivas que saben mellor que ninguén identificar as necesidades. Con estas entidades debería estar traballando o Goberno municipal e podería pensar a cidade no seu conxunto mais vostedes son o summum do sectarismo, criticou. A extrema dereita leva o sectarismo nos xenes.. en vez de facer da participación da veciñanza un valor, fan un problema, engadiu.
A continuación, a edila do BNG citou exemplos de necesidades básicas que teñen os barrios, necesidades que foron recollidas polas nacionalistas nas reunións que mantiveron cos colectivos veciñais e que presentaron como reclamacións aos orzamentos municipais de 2014. Así, sinalou que Bens precisa unha praza pública, que os Rosales precisan que se adquira o local da Praza Elíptica para o movemento asociativo xuvenil, que os Mallos queren os escasos espazos verdes do barrios para dotalos de xardíns e maiores e que Monte Alto reclama adecentar a praza do mercado, que se enche de pozas cada vez que chove.
Tamén falou das necesidades en educación, as AVV piden que se cubran os patios do San Fco Xabier ou do Manuel Murguía e en Novo Mesoiro piden ampliar a escola infantil, e das necesidades en mobilidade do Birloque e dos Castros. Ademais, referiuse ás necesidades de vivenda e de urbanismo en Eirís ou no Castrillón, á necesidade dunha biblioteca en Novo Mesoiro ou ás necesidades do comercio no conxunto dos barrios, amais do amaño de camiños, beirarrúas e calzadas.
Cómpre pensar a cidade no seu conxunto esa cidade de barrios, diversos pero igual de impostantes Cómpre un traballo colectivo con implicación social contra as desigualdades e contra o desemprego. Se non hai un xiro haberá coruñeses e coruñesas de primeira e de segunda, concluíu María Xosé Bravo.
O BNG denuncia que o sistema de tramos da planta de Nostián é ilegal e só beneficia a Albada
En relación á pregunta do BNG sobre o novo sistema de tramos na planta de Nostián, o Goberno municipal mentiu ao dicir que o novo sistema de tramos que estabelece o canon que o Concello terá que pagar por cada unha das tonelaxes que entran na planta de tratamento de residuos de Nostián está na oferta da empresa. De feito, a concelleira Ermitas Valencia denunciou que este novo sistema de tramos que estabelece o canon por cada unha das tonelaxes é ilegal, na medida en que modifica as condicións económicas da concesión.
Ademais, a edila do BNG criticou que este sistema só beneficia a empresa, Albada, dado que canta menos tonelaxe entre en Nostián, cantos menos residuos se traten, máis beneficios obtén Albada e máis pagará o Concello. Hai un común denominador das administracións que vostedes, o Partido Popular, gobernan: a maximización do beneficio para as empresas por conta de empobrecer a clase traballadora, salientou.
Nesta liña, puxo de manifesto que mentres o Goberno do Sr. Negreira tombaba as reclamacións de veciños e de veciñas da Coruña á ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos para que se pagase polo que realmente se recicla na planta de Nostián, negociaba con Albada para que esta obtivese máis beneficios tratando menos lixo.
Tamén aludiu Ermitas Valencia ás auditorías da planta de Nostián, que o PP teima en manterlle ocultas á cidadanía e ao BNG. Así, referiuse ao carácter provisional e non definitivo (tal e como lle recomenda ao PP a Asesoría Xurídica do Concello) do acordo da Xunta de Goberno polo que se estabelece este sistema. E é que este acordo, do 27.12.2013, estaría condicionado polas posíbeis futuras actuacións, revisións ou comprobacións derivadas das conclusións que se tiren das auditorías. Aproveitou a concelleira do Bloque para volver esixirlle ao Goberno do Sr. Negreira que faga públicas as auditorías e deixe de ocultalas.