O PP volve aplicar o rolo da maioría e volve impedir o debate das mocións do BNG
A Coruña, 14 de xaneiro de 2014.- Como en cada sesión plenaria, o Partido Popular aplicou o rolo da maioría e impediu o debate das tres mocións presentadas polo BNG, encamiñadas a pedir que non se aplique a moción do copago en medicamentos, para solicitar que non se lles corte a luz ás persoas con menos recursos e para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro.
Na moción sobre o copago farmacéutico, o Bloque emprazaba a Xunta de Galiza a recorrer e a non aplicar a resolución do 10 de setembro de 2013, o copago de medicamentos para persoas doentes graves e crónicas. Con esta iniciativa, o Bloque perseguía que o Sr. Negreira instase a Feijóo a sumarse á decisión adoptada pola secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, quen asegurou que Castela A Mancha, comunidade que preside, non cobrará estes medicamentos. Outras autonomías, como Castela e León, Andalucía, Euskadi ou As Canarias tampouco aplican este repago.
Na moción sobre o subministro eléctrico, o Grupo Municipal do BNG reclamaba que se realizasen as modificacións lexislativas necesarias para garantir o fornecemento de enerxía ás familias en situación de pobreza e, entre tanto, se adoptasen medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares máis desfavorecidos. Tamén instaba o Bloque a solicitarlle ao Goberno español que permitise a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, rebaixase as tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.
Na moción sobre Rosalía de Castro, o Grupo Municipal do BNG solicitaba declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía de Castro no Concello da Coruña e promover actividades que difundan a obra e o compromiso vital da escritora galega. Neste sentido, o Bloque propuña a posta en marcha de actividades de promoción da obra de Rosalía que implicasen os veciños e veciñas da Coruña e a realización dunha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do Concello en que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural tivesen o papel protagonista. Ademais, o BNG instaba o Pleno a lle solicitar a Xunta de Galiza a recuperación do Día de Rosalía ao seu Calendario do Libro e da Lectura, despois de que a Consellaría de Cultura non recollera, para o ano 2014, o 24 de febreiro como Día de Rosalía no seu Calendario do Libro e da Lectura, como viña sendo habitual.
O BNG esixe a retirada do proxecto de lei do PP contraria ao aborto e reivindica a interrupción do embarazo libre e de balde na sanidade pública galega
Ademais das mocións, o Grupo Municipal do BNG levou a pleno un rogo oral co fin de que a Corporación exixa a retirada do proxecto de Lei de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada. No rogo, o BNG esixe que o Concello da Coruña inste a Xunta de Galiza a garantir que as mulleres teñan a capacidade de decidir libremente sobre os seus corpos e a súa maternidade nas primeiras semanas do seu embarazo e a que demande do goberno do Estado (e ao Ministerio de Xustiza) o mantemento e aplicación a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.
Nesta iniciativa, o BNG tamén reclama a posta en marcha das medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación. Por último, neste rogo oral, o BNG empraza a Xunta a pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.