O BNG pedirá en Pleno que a Xunta de Galiza non aplique o copago en medicamentos
A Coruña, 13 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria de mañá en que empraza a Xunta de Galiza a recorrer e a non aplicar a resolución do 10 de setembro de 2013, o copago de medicamentos para persoas doentes graves e crónicas. Trátase dun imposto á enfermidade que prexudica, nomeadamente, enfermos e enfermas polimedicadas e que apenas chegan a final de mes, salienta o BNG na moción.
Con esta iniciativa, o Bloque persegue que o Sr. Negreira inste a Feijóo a sumarse á decisión adoptada pola secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, quen asegurou que Castela A Mancha, comunidade que preside, non cobrará estes medicamentos. Outras autonomías, como Castela e León, Andalucía, Euskadi ou As Canarias tampouco aplican este repago. Porén, o PP, desde a Xunta de Galiza, prevé comezar co cobro unha vez se solucionen os problemas informáticos que están atrasando a posta en marcha do copago no noso país.
Na moción, a concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que os fármacos sobre os que recae o repago responden ao tratamento de enfermidades graves, como cancro, tumores, leucemia, hepatite C, artrite reumatoide, dexeneración muscular Esta medida vai significar o sacrificio e sufrimento para moitas persoas, é indigna, inhumana, inxusta, e retrata un goberno que actúa contra a xente a prol das grandes fortunas e do poder económico, denuncia a edila do Bloque.