Bravo denuncia que o Goberno municipal gastou en Servizos Sociais 5 millóns menos que no 2011
A Coruña, 5 de xullo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia que o Goberno municipal gastou 5 millóns menos en Servizos Sociais no ano 2012 que no 2011, tal e como revela a memoria de xestión que dá conta do labor do Goberno do Sr. Negreira. Así, a nacionalista advirte de que o apartado Xestión administrativa e orzamentaria do departamento pon de manifesto que o orzamento executado (as obrigas recoñecidas) de Servizos Sociais no ano 2011 foi de 18.338.143,64 euros, dun orzamento de 21.746.168,39, e que o orzamento executado de Servizos Sociais no ano 2012 foi de 13.881.045,87 euros, dun orzamento de 18.886.044,75 euros. Isto significa, critica Bravo, que o Goberno do Sr. Negreira gastou en servizos sociais un 25% menos no 2012 que no 2011. A nacionalista cualifica de inadmisíbel este tesoirazo en servizos sociais cando hai 4.000 persoas máis no desemprego desde que goberna o PP na cidade da Coruña e cando o 20% da cidadanía está en risco de exclusión social.
Nesta liña, a edila do BNG denuncia que o Goberno municipal lle pediu menos cartos a outras Administracións e, malia isto, executou 5 millóns de euros menos que o ano anterior. De feito, María Xosé Bravo lembra que mentres no 2011 o anterior Goberno municipal lle solicitaba á Xunta un total de 11.257.699 euros para servizos sociais, dous anos despois, o Goberno do Sr. Negreira lle pediu á Xunta menos da metade, 5.101.864 euros para cofinanciar os servizos sociais comunitarios. Así, critica que o Goberno municipal lle pida á Xunta menos da metade do que permite a lei en axudas para servizos sociais, cando o Partido Popular, por vez primeira na historia deste Concello, implantou o repago no servizo de axuda a domicilio.
María Xosé Bravo empraza o Goberno municipal a deixar á marxe a rendibilidade económica dos servizos sociais e a se centrar en responder as necesidades das persoas máis desfavorecidas que, dadas as políticas antisociais do PP en todas as administracións, son cada vez maiores. A concelleira nacionalista apela tamén á necesidade de cambiar o modelo reactivo do Goberno municipal, que só se dedica a actuar cando as cousas van mal, ao proactivo, xa que é fundamental priorizar as accións preventivas e o enfoque comunitario das accións, co obxectivo de actuar sobre as causas dos problemas sociais.