O BNG pide a rescisión do contrato da axuda a domicilio por graves erros da empresa
A Coruña, 4 de xullo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo pediu esta mañá en rolda de prensa a rescisión do contrato de da xestión do servizo público de axuda a domicilio, contratado por 1,5 millóns de euros, por faltas moi graves, dado que a empresa concesionaria, que asinou a concesión do servizo a finais de maio, incumpriu as condición do contrato. Precisamente, Bravo compareceu perante a prensa xunto a 3 das 5 traballadoras que foron despedidas polo Instituto de Gestión Sanitaria (INGESAN), empresa de Villar Mir, tras 12 días hábiles de traballo despois de seren subrogadas. Estes despidos, advertiu María Xosé Bravo, inciden moi negativamente na calidade do servizo prestado.
"O Concello da Coruña non pode permitir que toda a cidadanía pague 1,5 millóns de euros por un servizo que, á vez, é repagado polas persoas usuarias, despois de que o Goberno municipal do PP estabelecera, por vez primeira neste Concello, o copago, e que a empresa non cumpra o contrato", salientou. "E, sobre todo, o Concello da Coruña non pode permitir que a empresa concesionaria faga diminuír a calidade do servizo", engadiu.
"É imposíbel que dúas persoas, máis unha que vén de contratar a empresa, fagan os labores que desenvolvían 7 traballadoras sociais de atención a máis de 500 persoas usuarias"
María Xosé Bravo sinalou que "é imposíbel que dúas persoas, máis unha que vén de contratar a empresa, fagan os labores que desenvolvían 7 traballadoras sociais de atención a máis de 500 persoas usuarias". Preguntouse que prevé facer a empresa para que só 3 traballadoras sociais teñan a posibilidade de realizar as visitas bimensuais e cada inicio de ano ao fogar das persoas atendidas, tal e como obriga o contrato. "Un servizo con tantas incidencias como o da axuda a domicilio non pode prestarse con só tres traballadoras sociais", insistiu.
María Xosé Bravo explicou que o labor que desenvolven as traballadoras sociais na axuda a domicilio é básico para que o servizo se preste correctamente. Dado que a inspección do funcionamento do servizo é dupla, por parte do Concello da Coruña e da Xunta de Galiza, a concelleira do BNG anunciou a presentación de iniciativas tanto a nivel local como no Parlamento de Galiza para que se vele pola correcta prestación do servizo.
O BNG pedirá acceso ao expediente de contratación, dada a altísima nota da empresa de Villar Mir, un dos homes dos papeis de Bárcenas
Ante este contexto, a concelleira do BNG anunciou que solicitará acceso ao expediente de contratación da xestión do servizo da axuda a domicilio. Avertiu de que a empresa INGESAN, do Grupo OHL, foi a que conseguiu a puntuación máis alta, 6,90 puntos sobre 7 e aludiu a que Villar Mir é un dos homes que apareceu nos papeis de Bárcenas.
Este empresario sería, segundo os medios de comunicación, o principal beneficiario por obras do PP. De feito, Villar Mir, que tivo que declarar como imputado no Xulgado na causa dos papeis de Bárcenas, foi beneficiario de obras públicas contratadas por Gobernos do PP por valor de 4.652 millóns euros entre o 2002 e o 2009.
"Cando fomos despedidas as persoas usuarias quedaron sen atender"
En declaracións aos medios na rolda de prensa, 3 das 5 traballadoras despedidas denunciaron que cando INGESAN as subrogou, tal e como obrigaba o prego de condicións, non dispuñan de medios materiais, como computadores, nin de acceso a internet, nin de liña telefónica para poder dirixirse ás persoas usuarias nin de un espazo en que traballar, feito que demostra que a empresa incumpriu o prego de cláusulas administrativas.
As traballadoras advertiron de que, despois de 12 días hábiles de traballo, chegaron á oficina e ás 08.15 h foron informadas do despido, xustificado pola empresa como disciplinario, mediante unha carta. "Nada máis sermos informadas do despido, pedimos quedar esa mañá para lles transmitir as dúas traballadoras sociais que quedaban as incidencias das persoas usuarias, mais a empresa impedíunolo", sinalaron. "Aos 15 minutos, tivemos que abandonar a oficina sen poder realizar, e nin sequera comunicarlles ás compañeiras que quedaron, trámites vitais para as persoas usuarias", expuxeron. Segundo informaron, o vindeiro 9 de xullo terá lugar o acto de conciliación laboral.