O BNG visibiliza os micromachismos que sofren as mulleres cada día
A Coruña, 10 de maio de 2013.- O BNG da Comarca da Coruña organiza esta tarde, ás 20h, unha performance reivindicativa para denunciar a violencia invisíbel que sofren acotío as mulleres. "Queremos poñer de manifesto que a violencia machista é toda acción que coacciona, limita, restrinxe liberdades das mulleres e tamen a súa propia dignidade", sinala Vitoria Louro, responsábel de Acción Feminista do BNG. "Comprobamos que hai moitas prácticas de violencia masculina que se dan acotío e que quedan esquecidas; mesmo, algunhas delas son ignoradas", engade.
Para a nacionalista, facer visíbel o micromachismo é un primeiro paso para poder combater estas prácticas contrarias á muller. "Estamos certas de que a loita contra esta violencia non pode quedar reducida a un día (25N), nin a un mes (novembro), nin tan siquera a un só ano", sinala Louro, quen advirte de que se trata dunha "loita que se ten que levar a diario para facela evidente e para mostrar que, practicamente, todas as mulleres estamos sometidas dunha maneira ou doutra a ela". "É esa violencia invisíbel que nos rodea", salienta.
Vitoria Louro afirma que "combater a violencia en todas as súas formas é o camiño para conquirir o desenvolvemento de relacións máis igualitarias tanto en dereitos como en obrigas". Puxo como exemplo a violencia que a LOMCE non quere combater, "unha lei que recolle aspectos cuestionados por atentar contra a igualdade, como as axudas a centros que segregan por sexo, e o impulso dunha educación confesional alonxada dun modelo laico e público, sabedoras como somos todas do papel que para a cúpula eclesiástica, para a Conferencia Episcopal temos que acatar as mulleres: a que nos relega ao ámbito doméstico e que nos asigna tarefas dedicadas exclusivamente aos coidados e á maternidade".
"Que abortes ou non o fagas é decisión dos dous"
Na performance que terá lugar esta tarde, as nacionalistas representarán escenas da vida cotiá en que se perciben os micromachismos, que serán pintados con "sangue". O home que desenvolverá o papel de machista imporá a súa posición de xénero ante unha situación real, como no caso do aborto, onde sinalará que a decisión sobre se a muller aborta ou non debe ser dos dous e non só dela. Así, as nacionalistas denunciarán que o feito de que a parella non deixe exercer sobre a muller a soberanía sobre o propio corpo é violencia machista.